Non queremos ser estranxeiras na propia patria
Porque non queremos ser estranxeiras na propia patria, atopamos motivos abondo para nos mobilizar este 17M, entre eles:
- Un goberno galego que debería promocionar e proxectar a lingua propia de Galiza, mais que en lugar diso fai xustamente o contrario, levando adiante medidas que só afondan nos retrocesos que o galego está a sofrir. Un goberno que emitiu un Decreto que mingua as posibilidades de uso no ensino a mínimos históricos desde a existencia da Lei de Normalización Lingüística.
- Un marco xurídico escaso en canto á protección da lingua galega e das persoas que a falan, e que mesmo así é burlado de xeito tan esperpéntico como o acaecido recentemente, cando un xuíz que declara sen vergoña ningunha incumprir a Lei que el mesmo debería facer cumprir, insiste na desvergoña conseguindo que se volva xulgar ao Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e Portavoz de Queremos Galego! por lle ter lembrado que debe respectar a Lei, ademais de facela respectar.
- Un Estado que abafa, promovendo leis que máis parecen de tempos pasados que do século XXI, leis que insisten en relegar a nosa lingua a un segundo, ou mesmo terceiro plano, facendo máis grande a fenda que separa en canto a dereitos ás persoas galegofalantes das que falan a lingua de Castela.
- Un día a día no que ben percibimos que o galego non se tén en conta, do mesmo xeito que non se tén en conta que é a lingua propia de Galiza, que falamos miles de persoas, e na que queremos vivir con normalidade. Un último e recente exemplo: agora non podemos viaxar pola AP-9 e ler as sinalizacións das peaxes en galego. O único sinal que na nosa lingua existía foi traducido hai escasos días.
Unha lingua rica e fermosa, unha lingua coa que se pode facer ciencia e cantar, unha lingua na que podemos escribir fermosos versos, libros de matemáticas ou facturas de servizos que empregamos. A nosa lingua. Falémola, amémola, respectémola, defendámola.