Non é unha crise, é un roubo

As políticas económicas aplicadas polo PP están a crear desemprego, empobrecemento, penurias económicas e miseria para moitas e moitos galegas e galegos: despidos masivos após aprobarse a reforma laboral que deixa sen defensa ás persoas traballadoras, redución de salarios, aumento dos impostos e apropiación dos aforros para rescatar a banca privada, desmantelamento da sanidade e o ensino, pagamento de medicamentos, incremento dos prezos da luz, teléfono, gas , ...

Ademais afogan a inmensa potencialidade produtiva de Galiza, manteñen vetos inxustos e irracionais a sectores produtivos básicos, e acordan desde Madrid, coa complicidade de Feijoo, o espolio da nosa riqueza, de recursos valiosos, dos impostos que pagamos aquí, para facer negocio con eles a costa de Galiza.

Non estamos ante unha crise. Estamos ante un roubo, perpetrado a mantenta polos grandes poderes financeiros, para seguir incrementando as súas millonarias ganancias a custa do esforzo e sacrificio das maiorías sociais e de afundir a economía que crea emprego.

Estamos a pagar por diferentes vías o rescate dos especuladores que provocaron a crise, obrigados polas políticas que o PP aproba vía Decretazos, logo que as impoñan institucións como o FMI, o Banco central Europeo ou a Unión Europea, que non votamos nin eliximos a cidadanía.

O PP afoga ao pobo para salvar a banca

Rajoy e Feijoo son os máximos responsábeis do espolio a máis de 65 mil pequenos aforradores galegos, de que non se deteñan os desafiuzamentos, de que a banca non volva a dar crédito ás empresas.

Galiza non está hipotecada por activos tóxicos como a banca, está atrapada por decisións adoptadas cada vez máis lonxe, que non nos teñen en conta. Para superar esta crise tamén precisamos ter soberanía, poder decidirmos sobre os nosos asuntos, para que se poida traballar na nosa terra.

Non aturemos máis esta inxustiza

Chega xa dos abusos á maioría de galegas e galegos! Hai políticas alternativas para superar a crise e acabar con esta estafa: impostos ás grandes fortunas, creación de banca pública galega, devolución dos aforros das preferentes, destinar os 40.000 millóns do rescate da banca a apoiar o naval, o agro, a pesca, a industria para que emprego en Galiza, e tamén para reforzar a sanidade, o ensino ou os servizos sociais para combater a exclusión social.

Somos multitude as persoas agredidas polas políticas do PP, que só goberna para botarlle a man aos nosos aforros, aos nosos salarios e aos nosos impostos para salvar a banca especulativa.

Rebélate co BNG!