NGB: ou subhasta a prezo de saldo ou banco público

O candidato á presidencia da Xunta de Galiza do BNG, Francisco Jorquera, afirmou hoxe no concello de Teo que “o novo decreto do PP aboca a Novagaliciabanco a ser subhastada a prezo de saldo”. A única alternativa a esta situación é que se aposte pola súa conversión en banco público galego, como defende o BNG contra o criterio do Goberno do Estado e do goberno galego.

Jorquera avanzou que, no último pleno do mes de maio no Congresos dos deputados, será debatida unha Proposición de Lei, da autoría do BNG, visando a modificación dos decretos en materia de reestruturación bancaria, co propósito de que aqueles bancos que reciben inxeccións de recursos públicos se convertan en bancos públicos. A iniciativa persegue especificamente que Novagaliciabanco pase a ser un banco de titularidade pública coa Xunta de Galiza como accionista maioritario.

“Os fondos públicos non deben ser utilizados para socializar as perdas. No caso galego, a única forma de preservar un instrumento imprescindíbel para financiar a economía produtiva do País é que Novagaliciabanco pase a ser un banco público”, defendeu Jorquera.

Neste sentido, retou aos deputados e deputadas galegos do PP e do PSOE a votar favorabelmente por “un banco esencial para a nosa economía” coa tutela dos fondos públicos que revirta en Galiza, ou polo contrario, apostar para que Novacaixagalicia quede en mans dun fondo inversor norteamericano ou sexa adquirida “a prezo de saldo” pola grande banca española, “por poñer un exemplo, polo Banco de Santander”.

Máis cartos para a Banca, menos para servizos públicos

O portavoz do BNG no Congreso criticou que a Banca privada continúe a facer negocio á marxe da economía real e que o Goberno esixa novas provisións que provocarán unha aínda maior conxelación do crédito. As principais vítimas do bloqueo no acceso ao financiamento serán as pequenas e medianas empresas e os autónomos. Haberá máis recesión e máis paro.

Jorquera respalda ás e aos deputados galegos de PP e PSOE a que respalden en Madrid a conversión de Novagaliciabanco nun banco público galego

Por outra parte, cualificou de “impúdico e inmoral” aplicar ás comunidades autónomas un recorte en materia sanitaria, educación e servizos públicos básicos en 10.000 millóns de euros, ao tempo que se destinan 15.000 millóns de recursos públicos para “sanear á banca privada”.

Día Mundial da Fibromialxia

Francisco Jorquera realizou estas declaracións ante os medios de comunicación minutos antes de dar leitura ao manifesto do XII Día Internacional da Fibromialxia nun acto organizado pola Asociación galega de Fibromialxia (AGAFI) no concello de Teo.

Cumpre lembrar que o pasado 8 de Maio no Congreso dos deputados foi aprobada unha proposición do BNG para impulsar o recoñecemento da fribromialxia como “doenza incapacitante” e para que o Estado intensifique a súa colaboración coas comunidades autónomas e as asociacións de persoas para realizar programas de formación especializada para profesionais, ben como a elaboración dun protocolo común para o diagnóstico e tratamento desta doenza.