Montse Prado reclama medidas contra o desemprego e denuncia o fracaso da "infame" reforma laboral
A deputada do BNG salienta que a reforma só trouxo consigo taxas de paro que baten récords históricos, máis precariedade e un incremento dun 300 por cento de EREs non pactados
Montse Prado, no turno de preguntas ao goberno na sesión plenaria, denunciou que a reforma que o PP tanto defendeu por ser a panacea para a creazón de emprego e a solución á situación de crise económica só trouxo consigo unhas cifras do paro que baten récords históricos en Galiza, sitúan a este País á cabeza das Comunidades onde máis aumenta o desemprego e incrementan nun 300 por cento o número de EREs non pactados.
Comparecencia
A deputada nacionalista lembrou que o BNG, ante as cifras tan alarmantes que xa se rexistraron en Novembro pediu a comparecencia da conselleira, mais esta non se produciu, e tampouco logo dos dados de Decembro nin agora, cunhas cifras en Xaneiro que xa superan as previsións da Xunta para todo o ano.
Para a parlamentar, non é de recibo que a conselleira recoñeza esta realidade, que diga que non lle gustan as listas do paro rexistradas pero sen embargo non faga nada por solucionalas, salvo seguir defendendo unha reforma que só favorece a temporalidade, a precariedade e supón un retroceso histórico do ponto de vista social e de dereitos dos traballadores.