Montse Prado pregunta ao Goberno polo ERE de Povisa
O Xerente do Sergas responde á deputada que o ERE de Povisa "é erratico" e afirma que o concerto entre a empresa e a Xunta "estáse a cumprir".
A parlamentaria do BNG, Montse Prado criticou a falta de transparencia do convenio millonario co centro sanitario vigués e que a Xunta defenda máis a empresa que @s traballador@s
A deputada do BNG, Montse Prado formulou hoxe unha pregunta na Comisión de Sanidade sobre as consecuencias do ERE no policlínico Povisa e lamentou que o Xerente do SERGAS, Antonio Fernández Campa, a pesar de considerar errático o ERE acepte sen condicións a política laboral de Povisa.
Na súa intervención, Prado lembrou que existen sentenzas xudiciais que a empresa incumpre e que a Xunta chegue a amparar polo que demandou do Xerente do Sergas unha reunión co colectivo de traballadores e traballadores para comunicarlles o que está realmente a pasar en Povisa.
Para a deputada, o responsábel do Servizo Galego de Saúde non actuou ante o cambio, a peor das condicións laborais no centro e tampouco se pronunciou contra as intencións da empresa. Hoxe vostede, debería dicirlle aquí ás cerca de 130.000 que atende Povisa que podían estar tranquilas porque a Xunta vixiaba a xestión do centro pero en cambio, non da explicacións nin se compromete a informar á empresa que a mobilidade á que ten sometido ao persoal non se vai permitir.
A parlamentaria reiterou que o representante do Goberno galego, unha vez máis, ponse ao lado da empresa e vira as costas aos traballadores/as.
Cun concerto de máis de 600 millóns de euros cunha empresa privada, explicou, a Xunta non pode permitir esta situación laboral.
Ao BNG parécenos unha indecencia que sae moi cara a todos e todas as galegas e moi beneficiosa a esta empresa que sigue facendo caixa a través dos traballadores e traballadoras do centro Povisa, concluíu.