Montse Prado denuncia manipulación na TVG e presións aos traballad@s
A nacionalista criticou que unha manifestación multitudinaria en Compostela de persoas afectadas pola estafa das preferentes non ocupara un lugar destacado na información do medio público
A deputada do BNG, Montse Prado denunciou hoxe, na Comisión de control da Compañía de RTVG, amanipulación informativa da TVG na cobertura da manifestación multitudinaria de afectados e afectadas polas participacións preferentes do pasado 2 de Febreiro en Compostela.
Prado criticou que a TVG responda aos intereses do partido do Goberno e secundarice informacións que afectan a miles de galegos e galegas como aconteceu no Telexornal da TVG do pasado día 2 de febreiro.
A deputada asegurou que a cobertura informativa dese día careceu do tratamento, lugar e tempo que merecía unha convocatoria que congregou en Santiago a miles de galeg@s para protestar contra fraude das preferentes.
A parlamentaria manifestou que a TVG, como medio de titularidade pública, pagada por todos os galegos e galegas debe informar con imparcialidade da maior estafa dos bancos a un colectivo de persoas que tras unha vida de traballo teñen secuestrados os seus aforros.
Vostedes, dixo, non respectan a pluralidade e minimizan a realidade de Galiza segundo lle conveña ao Partido popular.
Presións de directivos da TVG sobre @s traballador@s
Na mesma comisión, a deputada nacionalista formulou outra pregunta ao Director xeral da Compañía da RTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo sobre un comunicado do propio Comité de Empresa no que os representantes dos traballadores/as da TVG fanse eco das denuncias de manipulación e presións dalgúns directivos sobre os profesionais.
Nesta liña, indicou que non é a primeira vez que os traballadores da RTVG fan públicas as súas protestas por manipulación e presións.
Trala resposta de Sánchez Izquierdo que restou importancia ao comunicado e mesmo convidou aos traballadores a non facer públicas as súas queixas, a nacionalista lamentou que o Director xeral da CRTVG se negara a abrir unha investigación sobre as presións de certos directivos sobre os traballadores e asumira que deben sufrir en silencio as presións e non denunciar a manipulación informativa para non dar unha mala imaxe da TVG.
Para a parlamentaria, lonxe de investigar o acontecido, todo indica que Sánchez Izquierdo asume estas presións e a manipulación, nestes medios públicos.
A información que transmite a RTVG, dixo, non se corresponde coa situación de crise abafante que está a padecer Galiza e vostedes, engadiu, seguen tratando de ocultala.
Tratamento diferenciado cos casos de corrupción do PP
A deputada do BNG asegurou que o tratamento informativo do gran número de casos de corrupción detectados dentro do Partido popular e concretamente no concello de Santiago, é moi diferente á cobertura do BNG no pasado, sobre as súas divisións internas.
Neste sentido, Prado criticou que a TVG minorice a corrupción do Partido popular e magnifique as diferenzas internas doutros partidos.