Montse Prado defende as emendas do BNG contra a privatización da Sanidade

Montse Prado, responsable Area Internacional

A deputada reclamou consolidar o hospital de Montecelo como hospital único e rescatar o hospital de Vigo con financiamento público

 Pleno. No último trámite para a aprobación dos orzamentos do 2014, as emendas da oposición presentadas á consellería de Sanidade tampouco prosperarán ao aplicar a súa maioría absoluta o Partido popular.

Na defensa das emendas nacionalistas, a deputada do BNG, Montse Prado lamentou que, unha vez máis, o Partido popular non escoite a cidadanía que cada día vive o deterioro e recortes en sanidade e que o PP nega sistematicamente “sen o mínimo rubor”.

O BNG pide que a Sanidade sexa pública, gratuíta e de calidade

Na súa intervención, Prado lembrou que o BNG xa defendeu en comisión emendas destinadas a loitar contra os recortes en sanidade como pediron miles de persoas que saíron o pasado martes polas rúas galegas reivindicando unha “sanidade pública, gratuíta e de calidade” e tras dúas exitosas xornadas de folga

A cidadanía,dixo, respondeu masivamente contra “as políticas de recortes, a precariedade nas condicións laborais e progresivo desmantelamento e privatización da sanidade”.

Imposto do PP á enfermidade

Vostedes, afirmou, aplican unhas políticas de “negocio coa enfermidade das persoas”, privatizan a electromedicina, radioloxía e servizos de mantemento sanitario e establecen “copagamentos” en ambulancias, e medicamentos, pechan plantas e disparan as listas de espera.

A lei de garantías sanitarias, afirmou a deputada, dan rango de lei a drenaxe de doentes e recursos á sanidade privada e agora pretenten poñer en marcha a xestión clínica con máis recortes e privatización.

A nacionalista preguntou ao grupo popular se tomara nota da resposta social contra o deterioro da sanidade e as condicións laborais dos seus traballador@s e pediu a convocatoria da Mesa sectorial para avanzar na resolución destes problemas.

A deputada tamén pediu a retirada do borrador do proxecto das Áreas de xestión sanitaria rexeitado maioritariamente polos profesionais da sanidade na recente folga.

Asemade, criticou que a conselleira de Sanidade despois de cualificar de “política a folga” avogara por “cruzar os dedos para non aplicar máis recortes”.

Xa na defensa das emendas, Montse Prado, defendeu ampliar as partidas orzamentarias para actuar para reducir as listas de espera sobre todo, cos doentes con enfermidades de saúde mental, apostar pola atención primaria, rescatar o Hospital de Vigo con financiamento público, contra os repagos, mellorar a atención a drogodependencia, a construción do hospital de Montecelo e os centros de saúde de Hio e Moaña así como a prometida ampliación do hospital do Salnés.

O PP, concluíu, utiliza a escusa de que non hai cartos para decidir “unha escolla ideolóxica” na sanidade.

Expediente disciplinario ao director da IES da Illa de Arousa por reclamar un ensino de calidade

Asemade, tamén lembrou que comunidade educativa e miles de persoas solicitaron a paralización do expediente do director do IES da Illa de Arousa e a pesar desta reclamación, a consellería de Educación seguiu adiante coa revogación do seu cargo por ter defendido un ensino de calidade, represalias que tamén padecen @s que defenden a Sanidade pública.