Montse Prado cuestiona a fusións de concellos e pide máis financiamento local para servizos
A deputada denunciou os problemas de financiamento dos concellos galegos que reciben 212 euros por habitante fronte os 350 dos concellos de Madrid, e unha media de 50 euros menos a respecto do Estado
A parlamentaria do BNG, Montse Prado formulou hoxe unha pregunta na comisión de Administración Xeral sobre si as fusións dos concellos galegos resolven os problemas de tipo económico derivados do financiamento local e a demografía esmorecente que padecen.
Na súa intervención, fixo referencia ao proceso de fusión dos concellos de Cotobade e Cercedo acordada polo PP, o pasado 3 de marzo, baixo o argumento de aumentar o número de habitantes, Cercedo con 1.828 e Cotobade con 4.332 co fin de compartir determinados servizos a pesar, dixo, de que son concellos que non comparten nin sequera partido xudicial, xa que Cotobade pertence a Pontevedra e Cercedo a Estada.
Por outra parte, a deputada lembrou que o grave problema destes concellos é a crise demográfica, o abandono da mocidade por falta de traballo e os escasos investimentos cos que contan xa que os ingresos son moi inferiores aos doutras comunidades do Estado. Os concellos de Madrid, afirmou, ingresan 350 euros por habitante mentres os concellos galegos só reciben 212 polo que preguntou que previsión ten a Xunta para unha Lei de réxime local que permita unha financiación adecuada.
O PP segue apostando pola fusión dos concellos galegos
Pola súa parte, o director xeral de Administración Local, José Antonio Pazos respondeu á deputada que existe unha voluntariedade por parte dos concellos para acollerse á fusión e a Xunta considera que este modelo beneficia con mellores servizos aos seus habitantes.
A parlamentaria replicou que o Partido popular non mantivo as formas, os alcaldes descoñecían a fusión antes do acordo plenario, os veciños e veciñas soubérono pola prensa e os grupos da oposición non foron informados, así como os concelleiros e concelleiras do Goberno.
A política do PP a respecto do mapa territorial administrativo, dixo a deputada, é un cachondeo porque así como din unha cousa din a contraria e se foran serios traerían ao Parlamento unha ordenación do territorio coa optimización de recursos das fusións, un Mapa comarcal e cal será a prestación de servizos e aforro e facelo antes para que todos os concellos e veciños e veciñas souberan a que aterse. Que en dous concellos gobernen alcaldes do PP, engadiu, non é xustificación para unha fusión, detrás debe haber consenso e estudos así como información sobre a mellora de servizos e medidas para que a situación demográfica esmorecente dos concellos poda cambiar. Enriba da mesa, remarcou a nacionalista, non hai nada diso.
Montse Prado concluíu a súa intervención lamentando que o Partido popular utilice as fusións dos concellos como o Guadiana que aparecen e desaparecen por lexislatura e que a fusión de dous concellos con 30.000 qm cadrados e 187 núcleos de poboación non se van beneficiar, nin terán mellores servizos. O que si é certo, é que os concellos galegos reciben 50 euros menos por habitante que a media do Estado, e a Xunta non fai nada por rematar con esta discriminación.