Montse Prado: "A atención Primaria a máis prexudicada da política sanitaria do PP"
Prado lamenta que a atención dun neno de Ourense no Sergas dependa dunha carta dos reis magos
O BNG denunciou na Comisión parlamentaria de Sanidade que a atención primaria é a principal damnificada pola política sanitaria impulsada pola Xunta que converte a saúde en negocio para o sector privado. Como dato, a deputada Montse Prado subliñou que, desde que Feijóo preside o Executivo galego, houbo unha caída de recursos de 300 millóns de euros só nesta área.
Só o voluntarismo dos profesionais están salvando a sanidade galega da desfeita total, indicou Prado, quen advertiu que a caída de orzamento, a diminución de persoal sanitario e o deterioro continuado das infraestruturas están provocando unha situación de emerxencia na atención primaria. Entre a propaganda da Consellería e a análise que transmite a maioría da comunidade sanitaria, tanto o persoal como os doentes, eu quédome coa realidade, alegou.
Na comparecencia ante o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Felix Ruibal, Prado expresou o seu estupor e vergoña tras comprobar que para que un neno galego con problemas de crecemento sexa atendido no sistema público de saúde foi preciso a intervención da Casa Real.
Manifestamos o noso apoio á familia de Ismael por non renderse, pero tamén a nosa incredulidade ao constatar que fixo falta unha carta dos reis magos para que este neno recibise no sistema público de saúde do Sergas a atención sanitaria que precisa para o seu problema de crecemento, explicou Prado.
A deputada, que lamentou as mentiras da conselleira de Sanidade, Rocio Mosquera, neste asunto, subliñou que todos os galegos e galegas deben ter garantida unha sanidade pública de calidade, e advertiu que as políticas do PP camiñan na dirección contraria.