Montse Prado afirma que Sanidade pechará 1.200 camas hospitalarias no verán
A deputada denunciou as graves consecuencias da medida na prestación sanitaria e o emprego e acusou ao Partido popular de electoralismo por anunciar que reducirá 34.000 pacientes das listas de espera
A parlamentaria do BNG, Montse Prado volveu a denunciar hoxe na Cámara galega o peche de camas hospitalarias durante os meses de verán que superarán as 1.000 e denunciou que a medida do Partido popular incidirá gravemente na prestación sanitaria e nos postos de traballo.
Pola súa parte, o conselleiro Jesús Vázquez Almuíña non confirmou á parlamentaria o número exacto de camas que sanidade pechará no verán nin cantos quirófanos nin o persoal afectado. O titular de sanidade afirmou que as camas nos hoteis son moi importantes pero nos hospitais xa non o son tanto.
O conselleiro de sanidade non responde ao BNG sobre o número total de camas hospitalarias que pecharán no verán
Na réplica, a nacionalista pediu valentía ao conselleiro e que diga como vai resolver o problema das listas de espera. En sete anos do PP na Xunta, dixo a deputada, os orzamentos contan cun 12% menos, elimináronse máis de 2.000 postos de traballo, pecháronse definitivamente ao redor de 800 camas hospitalarias na sanidade pública mentres a sanidade privada conta cun 25% máis das camas. Neste contexto volven a pechar entre 1.000 e 1.200 camas durante o verán.
A parlamentaria pediu ao conselleiro que deixe de ocultar os datos e informe do número exacto de camas que serán pechadas en que servizos. Vostede, dixo, pretende convencernos de que con menos camas, menos persoal e menos recursos baixarán as listas de espera en 34.000 persoas, polo que volveu a preguntar se esa redución será na sanidade pública ou derivando pacientes, a mansalva á sanidade privada, en que horario, e con o sen peonadas. Teña a valentía, reiterou de dicir a verdade e diga cantas plantas, servizos e quirófanos van ser pechados este verán.
Ante a negativa a responder do conselleiro ás preguntas formuladas pola deputada, Prado cualificou de propaganda e publicidade do PP a anunciada redución das listas de espera. O que non fixeron en sete anos intentan facernos crer que o farán antes das eleccións, todos os centros de saúde, todas as infraestruturas e rebaixar as listas de espera, concluíu.