Moción no concello de Vigo en defensa do ensino
Os nacionalistas anunciaron que o grupo municipal do BNG levará ao vindeiro pleno unha moción que reclama ao goberno galego que non aplique estas medidas e presente un recurso por invasión de competencias.
Santi Domínguez denunciou que o PP ten clara unha folla de ruta de desmantelamento do ensino público, xa que semana tras semana vemos aos sectores básicos, como é o ensino público, sofrindo recortes constantes en favor do ensino privado, asegurou. Nese sentido criticou que o PP recorte profesorado na educación pública cando paralelamente aumentan as axudas ao ensino privado.
Domínguez explicou que é unha moción para reclamar que non se apliquen os recortes
Non entendemos como se recorta profesorado e se aumenta escandalosamente os ratios, que nos levan a tempos franquistas, manifestou o nacionalista. Ao respecto lembrou os comentarios dun representante do Partido Popular sobre o aumento das ratios asegurando que por que haxa 36 ou 40 alumnos por aula non pasa nada. Esta é a visión do PP: que non pasa nada, dixo.
Recortes en Vigo
En referencia a Vigo, sinalou que os recortes que está levando a cabo o goberno galego plásmanse na redución de módulos educativos, que se plasma na desaparición de 8 unidades de Secundaria e Bacharelato do IES Paz Andrade e do IES Manuel Antonio, así como na perda da educación de adultos noutros centros da cidade.
Neste sentido, Carme Adán lembrou o caso do colexio Caixanova, xa que o seu peche supón 90 prazas educativas menos. Sinalou tamén que o PP prometeu a ampliación do centro educativo de Navia, mentres no Parlamento vouto en contra, apuntou. Lembrou tamén a discriminación da cidade na posta en marcha do proxecto Abalar, cando só foron elixidos tres centros públicos vigueses para participar nel. E o Illas Cíes sigue agardando polo seu comedor e o Altamar por novas instalacións, criticou.
Redución investimento
Por outra banda, a deputada nacionalista subliñou que dende que o Partido Popular está ao fronte do goberno galego son continuos os ataques ao ensino público. En concreto, puxo de manifesto que nos 3 últimos anos a Xunta reducíu o investimento de educación en 400 millóns de euros, o que provocou a perda de máis de 2.000 docentes e a conseguinte falta de dotación necesaria para facer fronte á atención á diversidade, ao reforzo educativo e ás necesidades educativas especiais. Pola contra, defendeu que nun momento de crise como o actual, investir en ensino debería ser unha obriga.
Adán asegura que a cidade está discriminada na posta en marcha do proxecto Abalar
Carme Adán detallou algunhas das medidas que inclúe o Decreto. Sinalou que a súa aplicación supón non substituír ao profesorado de baixa até pasados dez días lectivos, así como incrementar as ratios a 30 os alumnos e alumnas en Infantil e Primaria, 36 en Secundaria e 42 en Bacharelato. A xente non sae á rúa por unha pataleta -dixo en referencia das declaracións do conselleiro de Educación-; en Vigo pódese ver que as ratios están ao máximo, asegurou.
Criticou asemade a eliminación do requisito de ofertar dúas modalidades de bacharelato, o cal terá como consecuencia graves consecuencias na formación do alumnado e obrigará a desprazarse de non contar na localidade coa modalidade de bacharelato que quere cursar. Finalmente e en resposta aos medios, criticou o uso electoralista que Feijóo fai do Decreto, ao dicir que o aplicará a medias.
Mobilización
Precisamente no obxectivo de pór freo a esta situación, Santi Domínguez sinalou que o BNG rexistrou onte a moción que defenderá no vindeiro pleno da corporación no que agardamos que sexa aprobada por unanimidade. Ademais, o BNG como integrante da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público apoia o peche convocado para o 21 de maio como forma de protesta contra o Decreto, indicou Carme Adán. Ao respecto, Santi Domínguez asegurou que dende o Bloque chamamos á mobilización en defensa do ensino público porque non podemos permitir que volva ás épocas de hai 40 anos.