Miranda, en Marín cos mariñeiros da frota cefalopodeira que Cañete deixou amarrados e sen traballo
Nun acto en Marín xunto ao responsable de CIG-Mar, Xabier Aboi, e ao deputado nacionalista Daniel Rodas, que leva os asuntos pesqueiros no Parlamento Galego, Ana Miranda explicou que o vindeiro luns, 5 de maio, iníciase en París a rolda de negociacións de revisión do actual acordo. Ana Mirana esixíu a Arias Cañete que en vez de vir pasear a Galiza se reúna cos mariñeiros de Mauritania e se comprometa a correxir nestas negociacións que agora se abren o agravio que cometeu coa flota galega nas negociacións de hai dous anos.
O acordo con Mauritania é o maior de todos os asinados pola UE en materia pesqueira. O custe ascende a 67 millóns de euros cunha vixencia de dous anos. A partir deste luns analízase en París o Protocolo de Partenariado de pesca Unión Europea-Mauritania, que durante dous días revisar a utilización do acordo de pesca das capturas e licencias do protocolo actual, co fin de proceder á revisión do mesmo.
24 barcos e 400 mariñeiros en terra
Ana Miranda denunciou que 24 barcos galegos e 400 mariñeiros quedaron fóra do acordo UE-Mauritana por culpa da incompetencia dos Gobernos español e galego, encabezados polo exministro de Pesca, Arias Cañete, que non foron capaces de presionar á Comisión Europea para que incluíra a frota cefalopodeira galega, pero si incluron a unha boa parte da frota andaluza, comparou a candidata do Bloque. Varios destes barcos que pescaban en Mauritania foron xa desguazados e outros permanecen amarrados ou víronse obrigados a buscar outros caladoiros.
Fronte á pasividade de Arias Cañete e do PP galego neste asunto, denunciou Ana Miranda, o BNG estivo sempre na defensa da frota cefalopodeira galega, a maioría con sede no Morrazo, levando en tres ocasións ao sector a Bruxelas, a primeira das veces a falar directamente coa Comisaria Maria Damanaki, e as dúas seguintes, para asistir á Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, onde foi votado o protocolo. Foi o BNG o que levou ao sector a Bruxelas, o que lle deu voz no Parlamento Europeo, cousa que non fixeron os Gobernos do PP, nin o da Xunta nin o do Estado, que preferiron ter unha axenda paralela para incluír no acordo á frota andaluza, deixando á nosa frota na ruína", criticou a eurodeputada do Bloque.
O acto celebrado onte na Praza da Veiguiña de Marín incluíu varias actuacións musicais e a participación de mariñeiros e persoas do sector.