Manifesto: Viva a Patria Galega!
Galiza é unha nación oprimida polo Estado español. Ese sometemento forma parte da historia, mais tamén estende os seus tentáculos na actualidade, para garantir a perpetuación dun sistema baseado no fomento das desigualdades. Na carencia de soberanía radican a inmensa maioría dos graves problemas que padecemos todas as persoas que conformamos este pobo e como nación. Por iso, fronte ás reivindicacións soberanistas das nacións que integran o Estado español, este responde impulsando un forte proceso de recentralización e anulación dos dereitos nacionais e de represión constante contra aqueles homes, mulleres, organizacións e loitas que os reivindican.
O atraso secular que arrastramos deriva da explotación económica, da dominación política e da asimilación cultural a que a Galiza se ve sometida por España, un estado que conculca os mais elementares dereitos colectivos dunha nación como a Galiza, un estado que imposibilita o exercicio do dereito de autodeterminación recollido en todos os tratados e protocolos internacionais.
A crise económica, política, institucional do réxime español acelerou a recentralización e a implementación dun conxunto de medidas tendentes a destruíren a nosa identidade nacional e a reforzar os mecanismos de dependencia que visan inviabilizarnos economicamente.
A crise económica está a ser a coartada empregada polo Goberno español para aplicar toda unha serie de políticas neoliberais ditadas desde a Troika que están a arruinar as clases populares e ao conxunto do pobo galego. Róubannos dereitos laborais, empobrecen os salarios, expúlsannos á emigración, impiden a capacidade de producir dos nosos sectores produtivos e industriais básicos, condénannos ao desemprego e á precariedade, arrástrannos á exclusión social, deterioran e privatizan os servizos públicos, despéxannos das nosas vivendas,...
É evidente que a situación económica e social do pobo galego será outra se posuírmos un sistema financeiro propio, se tivermos capacidade para decidir directamente as políticas agrarias, pesqueiras ou as que teñen a ver coas potencialidades da nosa industria naval, se dispormos de capacidade para decidir a ordenación do noso territorio, e se acreditarmos na nosa lingua e cultura como xenuína expresión da nosa maneira de tripar a terra. O pobo galego está a padecer as consecuencias devastadoras da ausencia de soberanía no marco dunha crise do sistema capitalista e da crise dunha UE radicalmente neoliberal, dominada polos mercados financeiros. Nun intento de frear a vontade de soberanía e democracia dos pobos, soportamos un dramático proceso de involución de dereitos e liberdades.
Perante esta adversa situación, un sector destacado deste pobo temos a firme determinación de exercermos como galegas e galegos, de recuperarmos os dereitos nacionais perdidos, de camiñarmos mediante a ruptura democrática para un proceso constituínte que culmine na proclamación da República da Galiza, pois é a única forma para sentar as bases dun verdadeiro desenvolvemento económico e social, da creación de emprego, da recuperación dos dereitos sociais e da calidade de vida do pobo galego.
Por todo isto, perante o Día da Patria de 2014, as forzas políticas, sindicais e sociais abaixo asinadas apelamos:
1. Ao noso pobo a secundar activamente todas aquelas iniciativas patrióticas promovidas nas vindeiras semanas ao longo da Nación que reclamen o dereito a decidir, a soberanía e a independencia nacional da Galiza.
2. A pendurar nas varandas, xanelas, fachadas de casas e vivendas, o emblema nacional da nosa Patria, a bandeira da Galiza.
3. A reclamarmos, colectivamente, a comezar polo Pobo Galego, o dereito dos pobos a viviren en liberdade, con base nos principios básicos de autodeterminación e de xustiza.
Galiza, de 22 xullo de 2014.
* Agir
* Bloque Nacionalista Galego (BNG)
* Briga
* Causa Galiza
* Ceivar
* Central Obreira Galega (COG)
* Comités
* Confederación Intersindical Galega (CIG)
* Federación Rural Galega (FRUGA)
* Galiza Nova
* Liga Estudantil Galega
* Nós- Unidade Popular (Nós-UP)
* Partido Comunista do Povo Galego (PCPG)