Manifesto da candidatura para as Eleccións ao Parlamento Europeo: Os Pobos Deciden
As eleccións ao Parlamento Europeo prodúcense nunha situación marcada pola profunda crise do sistema económico capitalista. Os comicios do 25 de maio terán lugar nun contexto de programas de recortes de servizos públicos e de abolición de dereitos sociais que fan que millóns de persoas se enfronten ao desemprego, o desafiuzamento, a precariedade, o empobrecemento e a exclusión social.
A crise económica foi a escusa perfecta para baleirar, máis se cabe, de lexitimidade democrática á Unión Europea. Ao poder abusivo que exerceron tradicionalmente o Consello e a Comisión Europea hai que lle sumar hoxe o control por parte da Troika dos principais programas públicos.
Os gobernos europeos, que non dubidaron en rescatar aos banqueiros a conta do erario público, procederon ao mesmo tempo, en aras á chamada política de austeridade, a acelerar as medidas de recorte de programas públicos, de privatizacións do sistema sanitario, de ensino, de servizos sociais e a precarización das condicións laborais.
Neste contexto de aumento do desemprego, de peche ou de deslocalización de empresas, de limitación da capacidade produtiva dos pobos, de redución dos servizos públicos, e de normas cada vez máis restritivas para impedir a libre expresión do malestar da cidadanía, as iniciativas de corte xenófobo e racista, así como os postulados ultraconservadores expándense perigosamente na sociedade e entran con forza no escenario político e electoral.
A progresiva desafección da cidadanía cara a un modelo político que non habilita espazos de participación social e menos aínda de empoderamento favoreceu a penetración dos ideais ultradereitistas nos programas de distintos gobernos e da propia UE. A política contra o asilo político e fronte á inmigración é un expoñente desta situación e, todo hai que dicilo, a mellor aliada duns partidos que aspiran a se converteren nos grandes protagonistas das eleccións europeas de maio.
Neste contexto de grave involución democrática as eleccións europeas expoñen numerosos dilemas para os independentistas e soberanistas de esquerda. As formacións que participamos da candidatura Os Pobos deciden, entendemos que esas eleccións son un escenario máis de loita para combater os plans da Troika e en xeral a deriva dunha UE que se prega aos intereses das corporacións capitalistas mentres desafiuza de dereitos á clase traballadora.
Consideramos que no contexto actual máis que nunca o impulso decidido á soberanía dos nosos pobos é o único modo para avanzar cara a un modelo de sociedade xusto e igualitario.
O rexeitamento a este modelo obríganos a traballar en favor de alternativas reais, para construír unha alianza continental que non responda ao mandato dos mercados senón ás necesidades das persoas e á vontade dos pobos. Defendemos un programa de medidas que, no inmediato, atenúe os devastadores efectos das políticas de austeridade e dea saída á perentoria situación de emerxencia social. Iso non debe impedir o expor o debate social e político sobre cuestións estratéxicas como a propiedade da Banca e outros sectores estratéxicos, hoxe en mans de transnacionais.
Polo que respecta ao Estado español, entendemos que o modelo emanado da mal chamada Transición entrou en crise. Desde a lexitimidade histórica que nos dá o denunciar desde a primeira hora un Réxime cimentado na desmemoria histórica, a preservación dos privilexios das elites económicas, a persecución da disidencia política e a corrupción sistémica, proclamamos a nosa vontade de facer oír en Europa a voz das nacións oprimidas, así como dos sectores cada vez máis maioritarios da cidadanía que hoxe loitan a través de movementos sindicais e sociais en favor dos dereitos máis elementais entre os que cabe sinalar o dereito ao traballo digno no propio país, á vivenda, á sanidade ou á educación.
Somos forzas soberanistas ou independentistas de esquerda e desde a defensa clara do dereito á autodeterminación dos pobos e o noso compromiso coa superación do modelo socio-económico que rexe na Unión Europea baseamos a nosa alianza nos seguintes compromisos:
- Dicimos si á Xustiza Social: O estoupido da burbulla da especulación financeira foi respondido pola UE, a Troika e os gobernos europeos con políticas de rescate dos bancos e de liquidación do chamado estado de benestar. Proclamamos a nosa determinación de combater un modelo que é sinónimo de precariedade laboral e recorte xeneralizado de dereitos sociais que castiga ás clases traballadoras e aos sectores máis vulnerábeis da sociedade. As formacións que apoiamos este manifesto comprometémonos a impulsar a acción política e a mobilización popular para frear tales propósitos. Esiximos de maneira expresa a auditoría da débeda, tanto pública como privada, e propomos a falta de pagamento da débeda ilexítima. De igual maneira defendemos a instauración dunha renda básica europea.
- Dicimos non á Europa do capital. Avogamos por un proceso destituínte da actual UE como paso imprescindíbel cara á apertura dun proceso constituínte da Europa da cidadanía e os pobos.. Defendemos o dereito das nosas nacións a alcanzar a plena soberanía para, entre outras cousas, poder decidir sobre a súa adscrición ou non no futuro á Unión Europea ou á Unión Monetaria. Estamos en contra da OTAN como expresión militar do imperialismo e contra o Euroexército. Estamos pola defensa do territorio, en contra da especulación e a deterioración do medio ambiente, que son causa de miseria para millóns de persoas. Avogamos pola soberanía alimentaria e a preminencia do ben colectivo fronte ao interese privado. Defendemos a garantía efectiva do dereito á saúde, á educación, á asistencia social, á cultura e á vivenda para o conxunto de persoas de Europa.
- Dicimos si aos procesos soberanistas e/ou independentistas en Europa e o mundo. Apoiamos os procesos independentistas que se dan a nivel europeo -referendos en Escocia e Catalunya- e así mesmo expresamos a nosa solidariedade cos procesos emancipatorios en Latinoámerica, así como a heroica loita dos pobos palestino e saharauí, ou os procesos para a solución negociada dos conflitos en Kurdistán ou Colombia. Desde unha clara vocación internacionalista, apoiamos as loitas de todos os pobos do mundo pola súa liberdade e a súa dignidade. Neste sentido, Os Pobos Deciden expresa o seu compromiso inequívoco cun modelo de sociedade que promova a cultura da paz, a cooperación e a solidariedade internacionalista.
- Dicimos non á uniformización cultural e lingüística provocada pola globalización neoliberal e alentada polas políticas centralistas dos estados. Defenderemos un marco que garanta o efectivo exercicio dos dereitos lingüísticos e a diversidade cultural dos pobos. De igual maneira propugnamos pola soberanía dos pobos na información e a comunicación.
- Dicimos si ás liberdades democráticas plenas. O Estado español conságrase, ao abeiro da crise, a unha política recentralizadora e de uniformización, á vez que promove medidas destinadas a limitar as liberdades públicas e os dereitos civís. O armazón xurídico- político creado na Transición converteu o Estado nun cárcere de pobos. Comprometémonos a sumar forzas para promover un escenario de liberdades democráticas plenas.
- Dicimos non á discriminación de xénero. Mais non como un mero enunciado formal, senón como unha esixencia normativa, xurídica e práctica que garanta a igualdade real e o fin de toda discriminación. O cal esixe medidas integrais para deconstruir unha realidade marcada polo patriarcado, atallar a violencia sexista, e en particular para garantir o dereito real a decidir das mulleres sobre o seu corpo, a súa sexualidade e a súa capacidade reprodutiva. Denunciamos expresamente a lexislación para restrinxir o dereito do aborto adoptada no Estado español.
- Dicimos si á igualdade que combata a todo tipo de discriminación por razón de orixe, raza, relixión, ideoloxía, orientación sexual, pertenza cultural, capacidades diferentes, ...
- Dicimos non ao fascismo e ao racismo. Loitaremos en contra das políticas immigratorias criminais que provocaron miles de mortes nas fronteiras da Europa-fortaleza e que fomentan o racismo. Así mesmo, traballaremos para desenmascarar á ultradereita, como ferramenta do sistema e as súas elites para perpetuar as desigualdades.