Mandela, símbolo de combate para todos os pobos
A Executiva Nacional do BNG enviou unha mensaxe ao Congreso Nacional Africano (ANC) en que expresa o profundo pesar de todas as persoas que facemos parte do Bloque Nacionalista Galego (BNG) polo falecemento de Nelson Mandela ao tempo que traslada as sinceras condolencias, así como unha mensaxe de solidariedade, que quixermos facer chegar a todas as forzas progresistas e revolucionarias e ao conxunto do pobo da África do Sul.
Salienta o BNG na misiva que Mandela é hoxe un símbolo de combate para todos os pobos. Mostrou ao mundo, coa súa traxectoria persoal e política, como os ideais de liberdade e de xustiza nunca poderán ser abafados pola opresión, por moi brutal que esta chegue a ser. Mostrou como a forza das ideas e a firmeza na defensa das conviccións é capaz de romper todas as barreiras e todas as cadeas. Mostrou aínda como o compromiso e a lealdade á causa do seu pobo é a escolla máis alta que unha persoa pode facer. Nese sentido, a súa figura é profundamente inspiradora para xeracións de persoas en toda a parte.
Por iso o BNG afirma que todas as galegas e galegos que loitamos pola soberanía e un futuro de liberdade para a nosa nación, Galiza, sentimos como propia a perda dun home e dun dirixente excepcional que soubo entender que a verdadeira forza dun pobo está na organización, no combate, na mobilización e na determinación de manter a loita até a vitoria.
A mensaxe de solidariedade do BNG co Congreso Nacional Africano (ANC) finaliza manifestando a certeza de que o pobo da África do Sul dará continuidade ao grande proxecto de liberdade, igualdade, democracia e progreso social inspirado por Mandela.