Jorquera: O teito de gasto do PP imposibilita a recuperación económica de Galiza
O portavoz do grupo parlamentario do BNG denuncia a rolo parlamentario do PP para aprobar o límite de gasto previsto no 2014 que redundará nos recortes
A Xunta aplicará novos recortes no orzamento do ano 2014 para cumprir o déficit marcado polo Goberno central no vindeiro exercicio.
Na sesión plenaria, celebrada hoxe na Cámara galega, o PP aprobou en solitario o teito de gasto cunha redución de 25 millóns no orzamento do 2014.
Tras a intervención da conselleira de Facenda, Elena Muñoz que presentou un déficit máximo do 1% para a comunidade galega, o portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera denunciou que o PP utiliza a súa maioría para reunir ao Parlamento co fin de plesbicitar, sen acordo, o ditado polo Goberno central.
Para o parlamentar nacionalista, o teito de gasto defendido polo Partido popular, impedirá a recuperación económica de Galiza.
Degradación da democracia
O deputado nacionalista explicou que o pasado mércores, o Goberno Central impuxo un límite de gasto para as CCAA sendo aprobado polo o Consello da Xunta ao día seguinte e hoxe, criticou, reúnese o Parlamento galego para ratificalo, este pleno, engadiu foi convocado para iso, para que a Cámara galega diga AMEN ao acordado pola Xunta.
Na súa opinión, desta maneira, fica reducida a potestade do Parlamento para decidir un aspecto básico das políticas públicas como son as políticas orzamentais, un exemplo máis, dixo da degradación que se está facer da democracia e que neste caso, responde á famosa reforma expres da Constitución e das leis de Estabilidade orzamentaria.
O BNG rexeita o límite de gasto proposto polo Partido popular
Jorquera anunciou que o BNG votaría en contra da proposta de limite de gasto non financeiro porque representa un paso máis na espiral perversa dos recortes que deprimirán aínda máis a nosa economía e servizos públicos.
A proposta de límite de gasto para o 2014 supón unha redución de 25 millóns de euros e no 2015 a redución adicional será do 0,8%, previsión que ao seu xuízo, significa que a Xunta non prevé no futuro próximo a recuperación da economía galega.
O deputado asegurou que non existe maior mostra de incapacidade que a contumacia de perseverar no erro en clara alusión a postura que mantén o Partido popular de repetir o mesmo agardando por resultados diferentes, fanático dogmatismo neoliberal, Sra. conselleira, sentenciou.
Dogmatismo fanático e neoliberal do PP
O dogmatimo fanático que levou ao Goberno galego a presumir de ser o campión no cumprimento dos obxectivos de estabilidade aínda que fose recorrendo a artificios contables como demostrou o Consello de Contas de Galiza.
O parlamentario do BNG acusou tamén ao Partido popular de ser cómplices de que a autonomía financeira de Galiza fique reducida a auténtico papel mollado, por unha banda, explicou, aceptaron un modelo financeiro que a condenou á dependencia crónica das transferencias do Estado e doutra, asumen uns límites de déficit claramente prexudiciais que imposibilitan desenvolver políticas anticíclicas.
O 75 por cento do crédito que se concede, dixo, decídese en Madrid e Barcelona e a consecuencia é que a metade deste crédito beneficia a empresas e familias residentes en Madrid ou Cataluña, dedicando só o 3, 39 por cento a empresas e familias galegas, un claro exemplo do poder centralizador e a intención de desmantelar os servizos públicos e as políticas sociais, concluíu.