Jorquera:"O saqueo non se daría se Feijóo non concedera tempo extra aos altos directivos das Caixas
O portavoz parlamentario solicitou reabrir a Comisión de investigación das Caixas de Aforro tras dous anos e medio secuestrada polo Partido popular
O portavoz parlamentario do BNG defendeu hoxe reabrir os traballos da Comisión de investigación das Caixas a través dunha Proposición non de lei e afirmou que a venda foi unha venda a perdas e un auténtico pelotazo a costa de saquear aos contribuíntes.
O parlamentario manifestou que o saqueo non se tería producido se Feijóo non concederá tempo extra aos altos directivos das Caixas. Agora, explicou Jorquera, a Audiencia destaca que os condenados urdiron un plan para resultaren economicamente beneficiados no suposto de prescindir dos seus servizos, en definitiva, aproveitáronse da prorroga de tres anos para perpetrar o saqueo. A aceptación, por parte dalgúns daquela chantaxe, saíunos moi cara a todos, afirmou o portavoz do grupo parlamentario do BNG.
A Comisión de investigación das Caixas segue desaparecida
O deputado reiterou que a comisión de investigación das Caixas segue desaparecida. No mes de xullo de 2013, explicou, tras un réxime de sesións exprés tivo lugar a última comparecencia na comisión. Ademais, o 9 de outubro de 2014 o Parlamento aprobaba por unanimidade continuar cos traballos co obxecto de analizar a nova documentación aportada que evidenciaba prácticas de maquinación por parte dalgún dos seus antigos dirixentes para enriquecerse a costa dun grave prexuízo económico á entidade pero pasaron case dous anos e medio da última comparecencia e da comisión de investigación nada se sabe.
ABANCA supera no primeiro ano os beneficios do prezo oficial da venda das Caixas
O deputado destacou que os beneficios de ABANCA no primeiro ano superaron o prezo oficial de venda porque esa venda, afirmou, foi a perdas. Se aos 1003 millóns de euros da venda lle descontamos as coberturas públicas non se vai recuperar un só euro dos 9.000 millóns que costeou o seu saneamento e o proceso de espolio do noso aforro non fixo máis que acelerarse. Case 14.000 millóns de euros do noso aforro emigran para fornecer de crédito a outros territorios, engadiu.
A Audiencia Nacional condena a catro exdirectivos de Novagalicia
O nacionalista lembrou que a Audiencia Nacional condenou a catro exdirectivos de Novagalicia e a un avogado por administración desleal e apropiación indebida. Dende o BNG non consideramos exemplar unha condena que nin sequera conleva penas de prisión dos responsábeis de saquear as nosas entidades de aforro, sen embargo para o Núñez Feijóo, dixo Jorquera, a Xustiza está en consonancia co que pensaba a Xunta no seu momento. Jorquera insistiu en que a Xunta tiña competencias exclusivas sobre as Caixas e a obriga de tutelar o seu bo goberno e que a Xunta tiña un representante na Comisión de control de Novacaixagalicia.
O 29 de decembro de 2009 o Parlamento aprobou unha lei de Caixas co único voto en contra do grupo socialista por considerala unha lei intervencionista. A lei nacera dunha iniciativa do BNG cunha tripla intención: Reforzar a supervisión pública, impedir a absorción das nosas caixas por entidades foráneas e forzar a remoción dos seus antigos dirixentes pero o 28 de setembro de 2010, menos dun ano despois, reformouse co único voto en contra do BNG porque a reforma permitía a continuidade dos antigos dirixentes. Naquel momento, o portavoz no debate, Fernando Blanco manifestou que a modificación supuña aceptar unha chantaxe e subordinar o Parlamento galego aos intereses de determinados poderes, circunstancia na que abonda agora a Audiencia Nacional.
O parlamentario concluíu a súa intervención solicitando o apoio á iniciativa nacionalista para reabrir a Comisión de investigación das Caixas.
O PP designa a Trenor para o debate da iniciativa nacionalista
Pola súa parte o portavoz do PP, Gonzalo Trenor afirmou que a Comisión non está pechada e que mesmo foi incorporada a sentenza da Audiencia Nacional.
Na réplica, Jorquera aconsellou a Trenor que a próxima vez que o grupo popular decida designalo para comerse un marrón como o de hoxe se negue a facelo. A comisión de investigación das Caixas dixo o nacionalista, segue secuestrada por moito que vostede diga que sigue aberta.