Jorquera defende suprimir as Deputacións, Senado e Ministerios con competencias nas CC.AA
O deputado tamén instou á Xunta defender a participación directa de Galiza no ámbito comunitario, no referido aos seus intereses e competencias
O portavoz do BNG no Parlamento galego, Francisco Jorquera criticou que o Partido popular xere un falso debate coa intención de utilizar a crise económica para denunciar o excesivo gasto público e insostenibilidade das autonomías.
Estes argumentos, dixo, pretenden ocultar a verdadeira vontade do Partido popular que non é outra máis que a de recentralizar as institucións e baleiralas de contido.
O deputado defendeu unha Proposición non de lei destinada a racionalizar as estruturas político-administrativas, iniciativa que foi rexeitada polo Partido popular e PSdeG.
Sobre o Senado, Jorquera manifestou que despois de 30 anos sen reformar, o BNG segue reclamando a súa eliminación ao igual que as deputacións, porque o BNG, aposta pola racionalización das institucións.
O nacionalista criticou tamén a manipulación da dereita para poñer o foco no lugar onde non existen problemas.
En resposta ao portavoz do BNG, a parlamentaria Paula Prado afirmou que Galiza xa participa activamente nos foros europeos abertos ás comunidades en cuestións de pesca, agricultura, consumo ou medio ambiente.
Como non sexa para levarlle as maletas a Cañete, ironizou Jorquera xa comprobamos o peso que ten Galiza para defender en Europa o futuro da agricultura ou da pesca.