Jorquera acusa ao director Xeral de Industria de exercer de delegado de Villar Mir
O deputado do BNG, Francisco Jorquera instou á Xunta a exixir a FERROATLÁNTICA o mantemento da actividade produtiva e postos de traballo na factoría de CEE e impulsar medidas contra a súa deslocalización
O portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera preguntou hoxe, na comisión de Economía, polas medidas iniciadas pola Xunta para cumprir o acordo unánime do pasado 18 de febreiro relativo ao mantemento da actividade produtiva e postos de traballo na factoría de CEE ante a estratexia de deslocalización de FERROÁTLANTICA que pese a beneficiarse de concesións públicas para explotar recursos naturais no noso país incumpre de maneira constante os seus compromisos.
O nacionalista lembrou que en 1997 a empresa estaba obrigada a construír un novo forno na fábrica de Dumbría nun prazo de 30 meses pero nunca estivo en produción, ademais está a reducir a produción da súa factoría de ferroaleacións de Brens para incrementala en Sudáfrica e Venezuela.
Villar Mir, accionista maioritario de FERROATLÁNTICA, anuncia a venda do paquete de accións
Jorquera tamén explicou que o BNG xa advertiu do perigo de deslocalización agravado trala fusión que deu lugar ao nacemento de FERROGLOBE, unha empresa con sede ne Londres e participada nun 57% por FERROATLÁNTICA e nun 43% pola norteamericana GLOBE. Na actualidade, dixo, sabemos que o Grupo Villar Mir, accionista de referencia en FERROATLÁNTICA está disposto a vender esa participación do 57% despois de solicitar o permiso do resto de accionistas e dos bancos acredores para desprenderse do paquete de accións coa escusa de conseguir liquidez. O nacionalista preguntou que medidas impulsará a Xunta para evitar a segregación das actividades de produción de enerxía eléctrica e ferroaleacións por parte de FERROATLÁNTICA e sobre todo que actuacións realizou para exixir o mantemento da actividade produtiva e dos postos de traballo na factoría de CEE.
O portavoz de Industria elude responder ás preguntas do BNG
O director xeral de Industria, Bernardo Tahoces eludiu responder as cuestións formulados polo deputado do BNG e centrou a súa intervención sobre a situación das minicentrais do Xallas. Vostedes, dixo Jorquera, toman de pitorreo o Parlamento galego e aos traballadores en Galiza das factorías de FERROATLÁNTICA porque apoian primeiro unha Proposición non de lei para logo argumentar en sentido contrario.
Na réplica Jorquera volveu a preguntar se é certo que se está a reducir a produción en ferroaleacións e potenciando o silicio solar fora de Galiza, e se é igualmente certo que pecha FERROATLÁNTICA I+D en Sabón para trasladala a Francia. Deixe vostede de facer de representante de Villar Mir, por moito que figure nos papeis como presunto financiador irregular do Partido popular e actúe como portavoz do Goberno nesta materia.
A realidade, engadiu o nacionalista é que en 1986 cando foi declarado de utilidade pública o encoro de Santa Uxía a factoría contaba con 500 traballadores e agora 284, en 1997 na inauguración do edificio administrativo das minicentrais Cervo-Umbría, Villar Mir comprometeuse ante Manuel Fraga a construír un novo forno nunca se cumpriu este compromiso e o proxecto de repotenciación das minicentrais do Xallas, máis alá da afectación medioambiental e do nulo retorno económico vostedes anunciaron a creación de 700 postos de traballo pero en realidade só foron creados 7 directos en Galiza e 26 en Madrid. Non minta e actúe como representante do Goberno galego e non como delegado do Grupo Villar Mir, concluíu