Iniciativa no Congreso:Davila reclama que se rebaixe o IVE ás perruquerías
Precisamente esta prexudicial circunstancia é a que levou ao sector a manifestarse onte e a reivindicar a volta ao IVE anterior. Recollendo dados do propio sector, Davila lembra que na Galiza desde que o Goberno do PP subiu o IVE do 8% ao 21% en 2012, xa pecharon máis de mil estabelecementos. No conxunto do estado van 13.000 peches e a perda de máis de 34.000 postos de traballo.
Desde a súa aprobación, o BNG através de distintas iniciativas parlamentares, sempre reclamou ao Executivo a diminución do IVE non só para as perruquerías senón tamén para o sector da cultura, para o material escolar e o sector da floricultura, este último sector é o único ao que despois de moita insistencia e esforzos se lle rebaixou o IVE.
Unha medida que só trouxo efectos demoledores
Davila pón de manifesto os nefastos efectos que a suba do IVE tivo en diversos sectores económicos como o mencionado. En todo este tempo o Goberno fixo ouvidos xordos ás queixas e ás demandas procedentes de asociacións de perruquerías e salóns de beleza. Un sector onde ademáis, predomina o emprego das mulleres, co cal, as consecuencias son aínda piores porque afecta especialmente ao emprego feminino, sempre en condicións de desigualdade en relación ao emprego masculino.
A deputada do BNG sinala que os dados falan por se mesmos e deberían levar ao Goberno a realizar unha reflexión. O incremento do IVE foi demoledor para destacados sectores económicos e tamén para os cidadáns que se viron obrigados a prescindir de servizos debido ao seu encarecemento, ou a rebaixar o seu uso como no caso das perruquerías.
Razón pola que dirixe unha batería de preguntas ao Goberno:Que balanzo fai o Goberno do peche de multitude de estabelecementos de perruquería debido á suba do IVE nestes tres anos? Comparte o Executivo que o ascenso do IVE só trouxo consecuencias negativas tanto para a poboación como para destacados sectores económicos?.
Ademáis, parlamentar do BNG pide ao Goberno que detalle o volume de ingresos polo IVE no ano 2013 e 2014. Coida que de verdade compensa subir o IVE cando se poñen en risco tantos postos de traballo?.