Hai que garantir asistencia sanitaria ás persoas que saian fóra do Estado español máis de 90 días
As mocións dos grupos municipais nacionalistas piden a derrogación do decreto do PP que pretende desposuír deste dereito aos galegos e galegas que buscan traballo no estranxeiro
Tamén se insta á Xunta a que pida a derrogación ao goberno do PP no Estado español por se tratar dunha decisión adoptada de xeito unilateral e sen contar co goberno da Xunta de Galiza, quen semella aceptar calquera medida imposta desde Madrid sen importarlle o carácter lesivo aos dereitos de galegos e galegas.
O dereito á asistencia sanitaria fica agora reservado só para quen tiver a residencia no Estado español e negáselles a todas as persoas que se trasladan ao estranxeiro, que neste momento son moitas por motivos laborais debido tamén ás nefastas políticas económicas do PP que están a devastar os nosos sectores produtivos e a aniquilar a capacidade de xerar emprego na Galiza. Así, a asistencia sanitaria universal fica recoñecida só para quen residir no Estado español, polo que se lles nega este dereito a todas as persoas se permaneceren fóra do Estado español máis de 90 días nun ano natural, mesmo a persoas desempregadas de longa duración, ás que esgotasen a prestación ou o subsidio por desemprego.
A política do PP no Estado español e na Xunta obriga mozos e mozas, que padeceron xa o ano pasado máis do 50% de desemprego, a saíren do Estado español para atopar traballo; e preto de 93.000 fogares ten todos os seus membros sen emprego. Agora un novo recorte de dereitos afecta especialmente a Galiza, aos miles de galegos e galegas que se ven obrigados a emigrar: ás persoas desempregadas, especialmente mozos e mozas, que se verán desposuídas do dereito a asistencia sanitaria por obra dos gobernos do PP.