Guillerme: "Os problemas do noso país só se solucionarán con soberanía política"
Niko Moreno, de esquerda abertzale, no camiño do debate do dereito dos pobos a decidir é onde atoparemos solucións sociais, políticas e económicas á crise
Santiago de Compostela, 23 Xaneiro 13.- Unha delegación da esquerda abertzale, encabezada polo secretario de relacións exteriores, Niko Moreno, mantén unha xornada de traballo coa Executiva do BNG que culminará cunha conferencia ás oito da tarde no hotel Compostela, en Santiago.
O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez e o propio Niko Moreno ofreceron esta mañá unha rolda de prensa na que o líder do Bloque afirmou de xeito contundente que os problemas do noso país só se solucionarán con soberanía política e concluiu que a dependencia política ten relación directa coa crítica situación pola que está a pasar Galiza, de auténtica emerxencia nacional.
Tal e como lembrou Guillerme en varias ocasións, a ausencia de autogoberno real e soberanía sempre estivo na raíz dos problemas do noso país.
A este respecto, Guillerme criticou que o goberno de Núñez Feijóo non só non demanda máis soberanía senón que, ao contrario, acepta a política de Madrid sumisamente
Hai que optar por camiños alternativos que pasan necesariamente pola soberanía nacional para contar con mecanismos que poidamos utilizar no noso beneficio, afirmou.
O portavoz nacional puxo como exemplo a xestión de Islandia da crise económica e preguntouse como poderían facelo sen soberanía?
Tal e como apuntou o líder nacionalista, o debate de hoxe en día no Estado español e no mundo é o da soberanía porque a través do modelo neoliberal, globalizado, negador da soberanía, é como se extraen as plusvalías e se mantén esta situación, con ese modelo ditado pola troika o noso país está condenado a emigrar, despoboarse e envellecer.
O dereito a decidir é un dereito democrático elemental, lembrou, e apuntou que non deixa de ser chamativo que Escocia poida exercer o seu dereito a decidir e aquí non.
Estamos ante unha política letal para todos nós e temos que falar como forzas nacionalistas sobre como buscar unha saída para a crise económica, concluiu Guillerme.
Niko Moreno
Pola súa banda, o secretario de relacións internacionais da Esquerda Abertzale, Niko Moreno, coincidiu coa relevancia do momento vivimos unha crise que afecta a todos os valores da civilización que coñecemos e iso se traslada ao Estado español onde o modelo constitucional do 78 fai augas por todas partes porque foron incapaces de xerar sinerxias e responder ás necesidades das diferentes nacionalidades do Estado.
Nesta situación, o representante da esqueda abertzale insistiu en que é agora cando é máis importante o debate sobre o modelo de Estado, e, nese sentido, apuntou que non é casual que en toda Europa se estea a dar este debate.
Baixo estes procesos subsiste o dereito a decidir, o dereito da cidadanía é o que hai que pór enriba da mesa e logo virán os proxectos políticos concretos, afirmou Moreno.
Queremos trasladar a nosa visión porque neste camiño deberemos atoparnos e existen as solucións sociais, políticas e económicas, resumiu o representante da esquerda abertzale.
http://youtu.be/Iz5kyR_R2Zg