Guillerme: Almunia dá a razón aos que defendemos a Banca Pública Galega

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, salientou hoxe que “as declaracións de onte do eurocomisario Joaquín Almunia, no sentido de que as algúns dos bancos intervidos polo Estado desaparecerán, dánnos de nova a razón aos que defendemos que Novagalicia Banco pase a ser un Banco Público Galego, se queremos evitar que o aforro galego sexa completamente espoliado”.

Guillerme reuniuse esta mañá en Ourense xunta a unha delegación do BNG integrada entre outros, polo deputado no Parlamento Galego, Alfredo Suárez Canal, e pola tenente de alcalde do concello de Ourense, Isabel Pérez, con traballadores e empresarios do transporte sanitario, un sector que, en palabras de Guillerme, “está moi preocupado polo seu futuro debido aos recortes sociais do PP que, con medidas como a introdución do copagamento polo transporte sanitario poñen en dúbida non só a viabilidade das empresas senón tamén a continuidade dos postos de traballo”.

Banca Pública Galega máis necesaria aínda

Por outra parte, o portavoz nacional do BNG advertiu de que “Novagalicia Banco se encamiña cada vez máis cara unha situación moi preocupante, pois o eurocomisario Almunia xa anunciou onte que algunha das caixas intervidas polo Estado desaparecerán”. Fronte a este escenario, Guillerme defendeu de novo que “os poderes públicos teñen que apostar pola banca pública, e no noso caso pola Banca Pública Galega”.

Ademais, Guillerme defendeu “un cambio de rumbo urxente, porque o actual modelo de Unión Europea e as políticas do PP, consistentes en inxectar cartos á banca, non impiden que as condicións xerais sigan empeorando”.

Guillerme afirma que as declaracións de Almunia “dan a razón aos que defendemos converter Novagalicia Banco nun Banco Público Galego”

Neste sentido, afirmou que “o señor Rajoy pode negar o que queira pero este novo rescate europeo vai traer consecuencias moi negativas para o conxunto da poboación”. “E isto -subliñou- non é tolerábel, porque significa máis recortes nos dereitos, máis recortes salariais e máis paro, o que nos conduce a unha situación insostíbel”.

Por último, a preguntas dos xornalistas sobre a campaña do PP contra o BNG polo anuncio do Grupo Provincial do BNG na Deputación de Lugo en contra do rescate, Guillerme lembrou que “o PP é experto en desviar a atención ante a que está caendo”.

Subliñou que “o BNG non acepta ningunha lección do PP, e nese terreo menos” e denunciou que “o PP si usa fondos públicos para facer política partidista, utilizando a TVG e a Radio Galega o seu servizo”.

“Fronte á situación de Novagalia Banca, fronte ao paro, o problema de ningunha maneira pode ser un anuncio”, rematou.

http://youtu.be/bBpE-fKHf8c