O Goberno segue sen facer público o convenio do SERGAS con POVISA
Montse Prado formulou unha pregunta parlamentaria,nos mesmos termos que en anteriores ocasións, para coñecer as condicións do convenio entre o SERGAS e o Policlínico privado POVISA
Unha vez máis, a deputada do BNG, Montse Prado formulou unha pregunta ao Goberno sobre os termos do concerto do Sergas co Policlínico POVISA sen acadar un compromiso por parte do Goberno sobre a súa petición.
Para a deputada, non é de recibo non facer público o convenio a non ser dixo, que a consellería agoche algo do que non quere dar información. Cáles son as razóns para que o Goberno galego non faga público o novo concerto formalizado o 1 de setembro de 2014 entre o Servizo Galego de Saúde e a entidade Policlínica Vigo S.A, preguntou.
Na súa intervención recalcou que o BNG non desistirá ata que sexa público este concerto porque, ao seu xuízo, a cidadanía de Vigo ten dereito a coñecer que condicións recolle.Neste sentido, denuncio a opacidade dun concerto ao que se destinan 75 millóns dos impostos de todos e todas as galegas.
Prado tamén se interesou por saber a que obedece a negativa a dar información a usuarias/os asignados a POVISA e beneficiarios da Seguridade Social para elixir provisor de Atención sanitaria especializada, e no caso de seren informados se contan con datos suficientes para esta elección.
Asemade volveu preguntar se o concerto contempla algunha cláusula que obrigue a reducir as listas de espera en POVISA e algunha penalización no caso de manter as intolerábeis cifras actuais.
Finalmente se interesou polo persoal laboral polo que pediu unha resposta sobre se o concerto contempla algunha condición para impedir que POVISA continúe despedindo persoal, precarizando os postos de traballo e incumprindo sentencias xudiciais tras recoñecer a consellería que o convenio garante a estabilidade da empresa nos próximos dez anos.
A parlamentaria rematou a súa intervención repetindo a pregunta sobre a previsión de facer público o concerto, e en que data, así como se establece algún tipo de compensación do SERGAS a POVISA, no caso de que a poboación adscrita sexa inferior a prevista.