Galiza Nova ocupa a Confederación de Empresarios para denunciar a precariedade laboral da mocidade
As reformas do PPSOE están a escravizar á mocidade ao eliminar os dereitos laborais, afectando gravemente á xente moza, mentres os grandes empresarios aumentan as súas fortunas ao benficiárense de man de obra barata e sen dereitos. A crise valeu de escusa ao PP para deixarnos en coiros ante os abusos da patronal denunciou Alberte Mera, Secretario Xeral de Galiza Nova durante a ocupación da Confederación Empresarial esta mañá en Compostela.
O traballo sen dereitos é escravitude!
As mozas e mozos de Galiza Nova portamos pancartas na sede empresarial cos resultados máis dramáticos das políticas de Feijóo: máis de 50% de paro xuvenil e unha media de 77 moz@s que cada día emigran da Galiza debido ás dificuldades para acceder a un emprego e debido á alta precariedade dos contratos.
A día de hoxe a mocidade galega padece unha lexislación laboral que converte os contratos en condicións de verdadeira escravitude e que permite aos empresarios ser os amos das nosas vidas. Atad@s de mans, @s moz@s do BNG simbolizamos esta mañá a escravitude que supón esta situación.
Galiza Nova chamou a combater as reformas laborais aprobadas polo PPSOE así como a Estratexia de Emprendemento e Emprego Xoven 2013-2016 de Mariano Rajoy, por afondaren no carácter temporal dos postos de traballo para a xente moza, ampliar o contrato de prácticas do primeiro emprego dos 25 até os 29 anos e eliminar a limitación que había para efectuar este tipo de contratos e que abranguía os 5 anos seguintes ao remate dos estudos. Así mesmo, as mocidades do BNG denunciaron que se subvencione ás empresas que contraten moz@s por horas e en precario, pois o resultado final é unha mocidade traballando por salarios indignos e nunhas condicións laborais pésimas.
Dentro da campaña de Galiza Nova Nin escravitude nin emigración, na Galiza esiximos dereitos, na que se inscribe a ocupación desta mañá, as mocidades do BNG esixen a derrogación das últimas reformas laborais do PPSOE, porque o traballo sen dereitos é escravitude, a derrogación do retraso da idade de xubilación que ademais de ser inxusto retrasa o acceso ao traballo na mocidade, e esiximos a prohibición das Empresas de Traballo Temporal e eliminación dos contratos precarios.