Galiza Nova envía a Feijóo e Mato as alternativas urxentes para a creación de emprego xuvenil
Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, entregou esta mañá a Alberto Núñez Feijóo e a Beatriz Mato por medio do Rexistro Xeral da Xunta de Galiza (San Caetano) as propostas urxentes para a creación de emprego xuvenil na Galiza elaboradas pola propia Galiza Nova, así como unha cabeza de porco para o Presidente da Xunta e uns chourizos para a Conselleira de Traballo.
A todo porco lle chega o seu San Martiño adverteu o Secretario Xeral de Galiza Nova, quen denunciou que mentres uns poucos poderosos se enriquecen e rouban ao pobo coma verdadeiros chourizos, a mocidade galega está a padecer as altas taxas de desemprego xuvenil na Galiza.
Feijóo e Mato son os máximos responsábeis políticos do drama social que está a padecer a mocidade galega. As súas accións desde o goberno da Xunta de Galiza están a provocar que cada día 70 moz@s de entre 20 e 34 anos abandonen o noso País e que máis de 26.000 emigraran o pasado ano afirmou Alberte Mera.
SI HAI OUTRO CAMIÑO
Galiza Nova denuncia que o Feijóo mente cando di que os recortes son o único camiño, pois si existen alternativas que a curto prazo rematarían co desemprego xuvenil e que xerarían emprego digno para a mocidade. Por iso, Galiza Nova esixiulle ao PP que leve a cabo as medidas urxentes que esta mañá se lles enviou por rexistro.
E como a todo porco lle chega o seu San Martiño, o goberno do PP está condenado a pasar á historia máis escura do noso País, xa que como afirmou Alberte Mera, a mocidade galega non acredita en Feijóo -nin Feijóo nela-, e os milleiros de mozas e mozos maltratados pola Xunta de Galiza erguerán unha Galiza nova onde a liberdade e o traballo digno e na terra sexa un dereito de tod@s.
Descargas:
Políticas urxentes para a creación de emprego xuvenil na Galiza