Fomento non dí se a AP-9 se vai beneficiar das bonificacións para usuarios de autoestradas

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, dirixiuse esta tarde ao segundo alto cargo de Fomento que comparecía esta tarde na Comisión de Fomento no marco das comparecencias solicitadas polo BNG con motivo da tramitación dos Orzamentos 2015, para formularlle unha serie de cuestións relativas ás infraestruturas viarias para Galiza.

Após de escoitar a intervención do Secretario Xeral de Infraestruturas e Presidente da Sociedade Estatal de Infraestruturas de Transporte Terrestre (SEITTSA), Rosana Pérez pediulle una serie de aclaracións en relación ás infraestruturas viarias galegas.

A deputada do BNG cargou as tintas sobre o mal estado da N-550, lembrando que é a única alternativa ás peaxes da AP-9, e cuxo “firme require dunha rehabilitación en moitos tramos. “Vaise atender a demanda de mellorar a seguridade vial da N-550?”. Xunto con este tema, Rosana Pérez interpelou ao alto cargo sobre a partida de máis de 40 millóns para todo o estado para a redución de peaxes. Preguntou en concreto que ía supór iso para a AP-9, “vaise beneficiar a AP-9 deste orzamento destinado a bonificacións?”. A pesar da rotundidade da pregunta non obtivo ningunha resposta por parte de Manuel Niño.

A deputada do BNG pediu a Manuel Niño que aclarase as partidas destinadas para 2015 para a A-54 Lugo-Santiago. “Que horizonte de finalización se contempla cando estaba previsto o seu remate para o 2015?”. Tamén fixo alusión á A-52, no seu tramo Vigo-Porriño que conta cunha partida de 6 millóns, que actuacións se van facer?.

Interesouse pola AC-14 As Lonzas-Zapateira que conta cun orzamento de 11,2 millóns de euros. “Garanten vostedes o seu remate no 2016?”.

Rosana Pérez tamén puxo enriba da mesa a situación da A-56, Lugo-Ourense na que vemos unha ausencia case total de orzamentos, só hai pequenas partidas. “Significa isto que abandonan o proxecto?”.

Preguntou a deputada do BNG polo detalle da A-57, e “que sucede coa A-76? A autovía Ponferrada –Ourense “que non ten dotación. Descartan a súa construción?”.

RESPOSTA DO PRESIDENTE DE SEITTSA A ROSANA PÉREZ

O responsábel das infraestruturas, só deu unha data de finalización dalgúns tramos da A-54, sinalando que o orzamento global para diversos tramos da A-54 de 85,2 millóns, “vai permitir rematar en 2015 os tramos situados entre Lugo e Palas de Rei”.

En relación á A-56, sinalou que a partida contemplada é para as obras na zona de San Martiño. No que atinxe a A-57, coñecida como circunvalación de Pontevedra, sinalou que hai unha dotación de 25 millóns para a licitación do tramo Vilaboa-A Ermida.

Da A-52 pouca información deu, só sinalou que “prosigue o estudo para atopar unha solución máis idónea”. En relación a N-550, detallou pequenas cantidades como a da intersección da N-550 en Ordes que é para estudos informativos. OU os 3,4 millóns para a Variante de Padrón e falou da rehabilitación do firme en diversos puntos quilométricos situados só na provincia de A Coruña.

Finalmente, respostou á Rosana Pérez sobre a A-76 confirmando a súa parálise ao indicar que se vai estudar con detalle as zonas máis complexas para facer un novo proceso de información pública.

Non deu ningunha resposta sobre se os 40 millóns orzamentados para o conxunto do estado para bonificacións en autoestradas ían ter repercusión na AP-9.