Fomento non da marcha atrás na supresión da liña Ourense-Puebla de Sanabria
Condenan a moitas poboacións a carecer de transporte público
O Plan de Racionalización suprime o 25% das liñas ferroviarias e deixa sen servizo a moitas poboacións medianas como sucede coa liña Ourense-Puebla de Sanabria, sinalou Rosana Pérez que tamén lembrou a Fomento a toponimia oficial galega, é Ourense e non Orense, e é A Coruña e non La Coruña.
A deputada do BNG criticou a eliminación desta liña porque deixa sen transporte ferroviario a poboacións como Cerdedelo en Laza, A Capela en Vilariño de Conxo ou de Verín. Unha liña que no ano 2011 tivo un importante número de usuarios e que non conta con outras alternativas de transporte público. Suprimen paradas, pechan liñas e privan de transporte público a moitos usuarios como os estudantes en fin de semana.
A parlamentar nacionalista afirmou que non é certo o que dí Fomento de que se compatibilice a racionalización do gasto coa continuidade do servizo cando se eliminan liñas e outras non se sabe que vai pasar con elas. É o caso de Ferrol-A Coruña. Neste sentido, subliñou que o BNG e a sociedade de Ferrolterra levamos anos demandando melloras nesa liña e como comprenderá se non se melloran os horarios e as frecuencias dificilmente se aumentará a demanda, e a conclusión á que vostés chegarán é que son ineficaces e a pecharán.
Rosana Pérez reprochou á Secretaria Xeral de Transportes a pouca claridade do Plan de Racionalización porque é confuso e ambiguo. Vaise revisar cada dous anos o que é servizo público, o cal é como non concretar nada.
A Secretaria Xeral de Transporte non da marcha atrás
A Secretaria Xeral de Transporte confirmou o peche da liña Ourense-Puebla de Sanabria e limitouse a sinalar que até que o transporte alternativo non estea implantado, non se eliminará ningunha liña. Engadiu que iso non sucederá antes do 30 de xuño e que aís xa se terán operativos os novos transportes alternativos.
Además, a representante de Fomento arroxou serias dúbidas sobre o futuro das liñas que están por debaixo do 15% de ocupación como é o caso de Ferrol-A Coruña, sinalando que non podía garantir a súa continuidade.