“Feijóo fracasou e GZ necesita un novo impulso”

Francisco Jorquera, candidato do Bloque Nacionalista Galego á presidencia da Xunta, será, xunto coa militancia e coas alternativas e propostas da formación nacionalista, o grande protagonista da Convención que o BNG realizará este domingo en Santiago de Compostela. Na nova web do BNG, que hoxe estreamos, conversamos con el. “Fronte á teimosía coa que o PP continúa a aplicar políticas equivocadas, só hai unha alternativa: a do Bloque Nacionalista Galego, afirma.

-Que balanzo fas dos tres anos de Feijóo?

-O balanzo está aí, é moi negativo. Case poderíamos dicer que Feijóo non ten balanzo que ofrecer á sociedade. Herdou un país cunha taxa de paro do 12 por cento e agora estamos no 20 por cento, récord histórico. Herdou unha débeda pública de 3.232 millóns de euros e agora temos 7.797 millóns, máis do duplo. É o presidente do paro e da débeda.

-En que se equivocou Feijóo?

Feijóo herdou unha taxa de paro do 12 por cento e agora estamos no 20 por cento, récord histórico

-Equivocouse no diagnóstico e equivocouse no tratamento. Pero sobre todo o pior é que non tivo, nin ten, ningunha capacidade para rectificar e propor un novo rumo. Se fas sempre o mesmo, se non cambias nada, obtés sempre o mesmo resultado. Ese é un principio básico tanto nas ciencias experimentais como na política. Feijóo é previsíbel no pior sentido da palabra. Sabemos sempre o que vai facer. E sabemos infelizmente que nada do que fai nos axuda a saírmos desta crise.

-Alguén dirá que é un pouco fachendoso afirmar que o BNG é a única alternativa...

-Cando dicemos iso simplesmente constatamos unha realidade: desde o comezo da crise, o BNG advertiu que as políticas de recortes non eran a solución, que as políticas de recortes non só non arranxarían a crise, senón que a agravarían. Outros non poden dicer o mesmo. As alternativas só se poden construír desde a coherencia.

-Que faría un goberno do BNG neste momento?

-Estamos ante un momento enormemente complexo, non só pola crise económica, que é brutal, senón porque a crise está a ser aproveitada polo Goberno do Estado para recentralizar competencias e para debilitar o autogoberno. A desastrosa xestión de Feijóo trouxo como consecuencia que Galiza ficase sen sistema financeiro propio, sen as caixas, o cal aínda complica máis as cousas porque o país se descapitalizou. Porén, si hai espazo para facer políticas distintas, alternativas e mellores. E desde logo si hai marxe para cambiar as prioridades. As prioridades dun Goberno nacionalista serían o impulso da economía produtiva do País, o fortalecimento dos servizos sociais públicos e a afirmación da identidade nacional de Galiza no Estado. Se o quixésemos reducir a tres palabras: Soberanía, Democracia e Traballo.

-E como erguer a bandeira da Soberanía nun momento de fera recentralización?

En Galiza non haberá democracia real mentres a soberanía non se residenciar no seu lexítimo titular, o pobo galego

-Como nacionalistas sabemos que en Galiza non haberá democracia real mentres a soberanía non se residenciar no seu lexítimo titular, o pobo galego. O que fai falta para comezar é acreditar no país. A nación galega existe e ten dereitos. Dereito a desenvolver a súa economía. Dereito a negociar directamente con Bruxelas, por pór un exemplo, o futuro do seu sector naval. Dereito a que a nosa lingua sexa verdadeiramente oficial en Galiza, a que se poña en pé de igualdade xurídica co español, cousa que aínda está lonxe de ser real.

-Feijóo pide para Novagaliciabanco o mesmo tratamento que reciba Bankia.

-Feijóo é incapaz de tomar a iniciativa en defensa do sistema financeiro galego. Que significa pedir o mesmo que reciba Bankia? Significa entregar Novagaliciabanco, o aforro de centos de miles de cidadáns galegos, á grande banca privada. E que vai facer esa grande banca cos depósitos dos galegos? Xogar no casino do capitalismo especulativo, o mesmo que nos trouxo esta crise. O BNG si propón algo distinto: utilizar os fondos públicos para criar banca pública, banca pública galega.

-Haberá quen diga que non hai recursos para facelo...

-O estudo coordenado polo noso compañeiro Xavier Vence desmonta esa idea: é moito máis barato impulsar unha banca pública de Galiza que inxectar recursos públicos -diñeiro procedente dos nosos impostos- na banca privada. Pensemos que o Estado xa inxectou en Bankia, desde o comezo da crise, 30.000 millóns de euros. 3 veces o orzamento da Xunta de Galiza! Arredor do 30 por cento do PIB galego! Pois ben, con apenas 500 millóns de euros, a banca pública galega podería dar os seus primeiros pasos.

-Que agardas da Convención nacional deste domingo?

O Estado inxectou xa 30.000ME en Bankia. Pois ben, con apenas 500ME poderíamos pór en marcha a banca pública galega

-Feijóo fracasou e Galiza necesita un novo impulso. Iso é o que agardo da Convención, un novo impulso, non só para o BNG, senón para Galiza. A xente é o que agarda de nós: máis forza, máis ideas, máis determinación para construír a alternativa.

-Tes dito que o cambio en Galiza é posíbel e é posíbel xa.

-Teño dito que hai partido e teño dito que a chave para a derrota do PP é o avanzo do BNG. Sempre foi historicamente así.