A executiva nacional do BNG manifesta a súa repulsa contra a ilegalización de Causa Galiza

A Executiva Nacional do BNG considera un ataque aos dereitos democráticos a suspensión de actividade da organización independentista Causa Galiza e denuncia o acelerado retroceso no exercicio de dereitos democráticos que se está a dar na Galiza.

Esta actuación, así como as detencións producidas nos últimos días, están amparadas por un marco legal español progresivamente máis represivo, que provoca, como neste caso, unha actuación policial e xudicial que ten como obxectivo a prohibición da expresión de opinións políticas.

A criminalización das ideas é usada polo Partido Popular para facer a súa propia campaña electoral e mediática. Diante disto, e para alén do noso máis rotundo rexeitamento por esta actuación policial e xudicial, o BNG esixe o respecto á intimidade das persoas detidas e da súa contorna persoal, así como o respecto á presunción de inocencia. Ao tempo, resulta criticábel o papel político da Audiencia Nacional, que provoca sufrimento innecesario aos detidos e ás súas familias.