O Estado nin sabe nin contesta sobre o naval
O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, e a deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, solicitaron desde decembro tres comparecencias do Ministro de Industria pola grave crise que afecta ao sector naval galego, tanto privado como público. Máis, o titular da carteira de Industria aínda non acudiu á Cámara para este tema.
A situación do naval é grave, por iso debía comparecer
O BNG demandou a comparecencia do Ministro de Industria o 26 de decembro pasado para que explicase as medias a adoptar ante a UE para pedir o levantamento do veto que pesa sobre os estaleiros de Navantia Fene para construir buques civís, e para informar das medidas para restabelecer o Tax Lease ou outras fórmulas de bonificacións fiscais. O 26 de xaneiro, os parlamentares do BNG voltaban a demandar a comparecencia de José Manuel Soria para que informase da grave crise pola que atravesan os estaleiros públicos de Navantia en Ferrol e das medidas a adoptar para paliar a situación.
O 30 de abril deste ano, o BNG voltou a solicitar a comparecencia de José Manuel Soria para que dese conta do enorme retraso da Comisión da Competencia da UE en resolver o expediente aberto ao Estado español polas bonificacións fiscais (Tax Lease) aos estaleiros como os situados na Ría de Vigo.
E neste mes, o sete de maio, Davila e Jorquera pediron a comparecencia do Ministro de Facenda para que dese conta das razóns polas que o Goberno español aínda non procedeu á modificación da lexislación fiscal que permita habilitar un Tax Lease para o sector naval dacordo aos criterios estabelecidos pola UE.
A pesar destas sucesivas solicitudes de comparecencias, o Ministro de Industria aínda non acudiu á Cámara a abordar a preocupante e seria situación do sector naval de Galiza.
Ademáis, no proceso de tramitación dos Orzamentos Xerais do Estado 2012, o BNG rexistrou emendas concretas sobre o sector naval, así pediu 125 millóns para a construción dun dique flotante en Ferrol, unha actuación imprescindíbel porque posibilitaría doutar de carga de traballo aos estaleiros.
Asemade, o BNG pediu 50 millóns de euros para a implantación dun Plan específico de desenvolvemento industrial na Galiza. Máis, o PP rexeitou as emendas dos nacionalistas galegos.