Escoita a entrevista a Xavier Vence en TVE1: "Feijoó é un Presidente fóra de lugar"
O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, foi entrevistado nos Desayunos de TVE1 pola presentadora María Casado, nunha entrevista que abordou a comparecencia de Feijoó onte no Parlamento galego, a situación económica, as políticas das UE, a decisión da Junta de Andalucía de expropiar aos bancos o uso dunha vivenda, á sentenza do Tribunal Superior de Catalunya sobre o catalán.
Ademáis, o portavoz nacional do BNG respostou ás preguntas dos tertulianos presentes hoxe no programa que continuaron co escándalo das fotos de Feijoó.
Xavier Vence fixo unha avaliación da sesión de onte no Parlamento galego: Unha sesión dura na que Feijoó reaccionou de xeito inapropiado, incluso pedindo á oposición que dimitise. Un Presidente fóra de lugar. En relación aos contratos de Dorado coa Xunta en distintos periodos, Vence aclarou que a información sobre os contratos só a ten a Xunta. O BNG vai rexistrar unha iniciativa pedindo a relación de contratos con Dorado.
Vence advertiu á entrevistadora que o ventilador de Feijoó non debe despistar a atención do importante que é a relación entre Feijoó e unha persoa involucrada en negocios de narcotráfico en anos moi duros. Afirmou que se trata dunha cuestión de moralidade e de ética política. O problema de fondo é moral: un alto cargo da Xunta con relacións cun narcotraficante.
A UE: Unha política cruel
María Casado preguntoulle sobre a súa motivación de se ter comprometido políticamente en tempos tan duros. Vence sinalou que precisamente pola situación de absoluto deterioro económico e social, políticas moi agresivas que destrozan o mellor do sistema e levan ao paro a millóns de persoas, onde a probeza chega ao punto de que a xente xa pasa fame, e os nenos van ao cole mal alimentados e mal vestidos. Nunca me imaxinei algo así, por iso o meu compromiso.
En relación ás políticas da UE, afirmou que a UE está en máns de xente con proxectos sociais e económico inviábeis. Toda a economía ten que estar ao servizo da especulación e para salvar á élite económica que non se resigna a perder, Tildouna de crueldade política. Censurou que se lle obrigue a un estado que xa ten o 26% de paro e salarios ao nivel do salario mínimo a facer máis recortes.
Respeito á decisión da Junta de Andalucía de expropiar aos bancos o uso da vivenda, considerouno unha boa idea: Está ben que polo menos o fondo inmobiliario dos bancos vaia ao servizo da xente máis necesitada.
No que atinxe á decisión do Tribunal Superior de Catalunya de obrigar a ensinar en castelán se un aluno o pide, resulta incríbel que se pida a unha clase enteira cambiar a outro idioma só porque o pida unha familia. Comparou a situación con Galiza, onde moitos alunos que queren o ensino en galego non teñen ese dereito garantido.
A perguntas dos tertulianos, subliñou que Dorado era coñecido en Galiza e incluso nos tribunais internacionais nos anos 80.
Sobre o BNG, lembrou que o PP perdeu 150.000 votos nas eleccións galegas pasadas, e que o nacionalismo galego pasou unha difícil dinámica que se saldou cunha escisión, pero estamos en proceso de recuperación e de ser alternativa.