Educación non responde ao BNG se reclamará as axudas a colexios que segregan por sexos
A deputada do BNG, Carme Adán nomeou cinco centros educativos que reciben subvencións incumprindo a legalidade vixente
Pleno.- O conselleiro de Educación, Jesús Vázquez non confirmou se a consellería ten previsto reclamar as subvencións recibidas polos centros educativos que segregan por razón de sexo en resposta a unha pregunta formulada pola deputada do BNG, Carme Adán.
Na súa exposición, a deputada asegurou que o departamento que dirixe Jesús Vázquez fixou tres prioridades a súa chegada á consellería: Eliminar a gratuidade dos libros de texto, iniciar o procesos de desaparición do idioma galego nas aulas e devolver os concertos os colexios do OPUS DEI que segregan por sexo.
O PP incumpre a lei para beneficiar centros educativos do Opus Dei
A parlamentaria lembrou que no ano 2013, unha sentenza xudicial do TSXG impedía estes concertos, sentenza, dixo, que vostede non aplica e mentres denega en Vigo a ampliación dos ciclos superiores de integración a centros públicos concédellos ao Colexio Aloia.
Durante cinco cursos, afirmou, non cumpriron a lei e agora apresurase a darlle legalidade amparándose na LOMCE, colexios sexistas que inciden na desigualdade, sentenciou a parlamentaria.
Vai vostede a pedir que restitúan ao erario público os 15 millóns de euros ou vai seguir sendo cómplice da educación diferenciada.
Pola súa parte, o conselleiro de Educación manifestou que o único obxectivo do Goberno é mellorar o sistema educativo e a Xunta acata as sentenzas, ademais acusou a Adán de criticar e atacar o novo concerto.
Hai unha nova lei, dixo, que ampara a eses centros educativos para acceder en igualdade de condicións aos concertos ao que a deputada volveu preguntar se a consellería ten a previsión de reclamar as citadas subvencións, cuestión que non foi respondida polo titular de educación por segunda vez.
Deterioro das condicións de traballo do profesorado
Por outra parte, na quenda de preguntas ao Goberno, o tamén deputado do BNG, Cosme Pombo preguntou, polo trámite de urxencia ante o comezo do novo curso, sobre o deterioro nas condicións de traballo do profesorado.
Na intervención, Pombo lembrou que o comezo de curso na educación Infantil e Primaria, a Consellería segue incumprindo a lei no que atinxe a que o ensino básico debe ser gratuíto para todas as persoas.
Ula normalidade no arranque de curso?
O deputado rexeitou as afirmacións de Jesús Vázquez sobre a normalidade coa que comezou o novo curso xa que, na súa opinión, a LOMCE resulta demasiado cara para as familias galegas e aumentará as desigualdades. Nova Lei, dixo, que o PP impuxo as presas e contra a Comunidade educativa e forzas sindicais e políticas galegas.
Asemade, salientou o deterioro do ensino público provocado polos continuos recortes, centros en obras sen rematar, falta de espazo e material para ao alumnado, pagarán comedores que antes non pagaban, libros que deberían ser gratuítos e agora deben ser abonados polas familias, desaparecerán actividades extraescolares por falta de pago. Vostede segue mantendo que o curso comezou con total normalidade? volveu preguntar.
Suprimiron 63 unidades escolares mentres son creadas 79 na concertada e hai recortes no profesorado que implican o deterioro das condicións laborais pola maior masificación do alumnado.
O deputado rematou preguntando, porqué a Xunta non é quén de defender a calidade do ensino público galego incrementando a dotación de profesorado?.
O conselleiro acusou ao deputado de tentar alarmar á sociedade porque aínda están por definir os destinos dos profesores de primaria e secundaria. Estamos nunha etapa de arranque de actividade normal nos centros , afirmou.