Economía para as persoas, avanzar cara á soberanía e rexenerar a democracia

Francisco Jorquera, portavoz parlamentario do BNG

Eis as claves do discurso de Francisco Jorquera no debate de investidura.

O portavoz do G.P do BNG, Francisco Jorquera, defendeu na súa intervención no Debate de Investidura unha “economía para as persoas”, avanzar cara a soberanía e mellorar os mecanismos de democracia directa e participativa.

Jorquera afirmou que frente á “adicción de Feijóo” aos recortes e frente á súa “obsesión” polo défice cero Galiza ten que expresarse con voz propia e oporse ás medidas que están levando ao País e ao Estado á ruína.

Neste sentido, emprazou a Núñez Feijóo a que declare a “insumisión” aos “homes de negro” e esixa a Rajoy que renegocie a débeda e se Bruxelas non quere renegociala, “simplesmente non pagala”.

“Hai que auditar e renegociar o monto total da débeda –dixo- porque hai débeda que é ilexítima e as persoas non teñen por que pagar a débeda que provocaron os bancos”.

Feijoó ten que esixir a Rajoy unha auditoría da débeda ilexítima, renegociala e se Bruxelas non quere, non pagala

Para Jorquera, cómpre valentía para apostar por outro proxecto económico diferente ao modelo do PP, “o proxecto que defenderá o BNG neste Parlamento, un proxecto a prol dunha economía para as persoas”.

Maiorías nas urnas, descontento na rúa

O voceiro parlamentar advertiu que Feijóo, efectivamente, acadou nas urnas o apoio suficiente para ser investido pero non foi lexitimado pola sociedade para continuar coas políticas de “saqueo” practicadas durante a pasada lexislatura.

Os éxitos dun gobernante se miden pola súa capacidade para resolver os problemas do País e da súa xente, non polo número de votos

Neste sentido, referiuse á participación masiva nas manifestacións do 14 de Novembro como exemplo do descontento social que existe na rúa coas políticas de recortes do Partido Popular e pediu, por tanto, “humildade” á hora de exercer a maioría parlamentar, “porque os éxitos dun gobernante se miden pola súa capacidade para resolver os problemas do País e da súa xente, non polo número de votos”.

O portavoz do grupo do BNG asegurou que a “Galiza no País das maravillas” que describe Feijóo non existe e puxo o exemplo dalgúns indicadores, como os dados coñecidos estes días sobre as proxeccións demográficas para os próximos dez anos, “que como dicía un columnista son cifras propias dun País baixo os efectos dunha guerra”.

Sectores productivos ao límite e expolio do aforro

Jorquera denunciou tamén como nos últimos catro anos se acelerou o proceso de destrucción do tecido productivo galego sen que Feijóo fixera nada por impedilo, “mantense o veto aos estaleiros públicos galegos, Navantia segue sen dique flotante, non se desenvolveu a lei do sector naval e o sector gandeiro vive unha situación límite, que o levou a iniciar unha folga do leite o pasado Martes”.

A sectores como o da pesca ou o comercio non lles foi mellor estes anos, continuou, coa flota expulsada de Mauritania ou coa liberalización de horarios, e a respeito do futuro de NovaGalicia Banco “estase cumprindo o que vaticinou o BNG”.

Cómpre un Banco Público, recuperar o control sobre as políticas monetarias, esixir unha nova política fiscal e un novo modelo de financiamento

“Vostede insiste en apresentar a súa xestión neste eido como un éxito pero vai ser cómplice do expolio do noso aforro ou non se enterou dos plans, xa en execución, para pechar centos de oficinas no rural, para despedir a máis de 2.500 traballadoers, para que NovaGalicia Banco se desfaga da súa carteira industrial?”.

Banco Público

Neste sentido, Jorquera urxiu que se adopten medidas para promover os cambios normativos que permitan a transformación da entidade nun Banco Público Galego e chegar até o final á hora de depurar responsabilidades da “pillaxe nas Caixas, chámense Méndez ou Gayoso”.

Para o voceiro do BNG, as 113.000 persoas que engrosaron as listas do paro na pasada lexislatura, os 600.000 mozos e mozas que tiveron que emigrar ou as “políticas lingüicidas” que desenvolveu o PP, tumbadas agora polo propio TSXG, demostran que “con vosté a propia pervivencia de Galiza como País está ameazada”, por iso cómpre unha oposición contundente a estas políticas, con propostas alternativas como as que presenta o BNG.

No social, Jorquera salientou a necesidade de frear os desafiuzamentos, cunha modificación da lexislación hipotecaria e outras medidas como reclamar a transferencia a Galiza dos activos inmobiliarios xestionados polo banco malo para crear un parque de vivendas sociais e impoñer unha quita aos bancos reducindo o importe das hipotecas.

No económico, reclamou valentía para ir á raíz dos problemas “aínda que haxa que cuestionar un marco que se nos presenta como sagrado. Hai que recuperar o control sobre as políticas monetarias, esixir unha nova política fiscal e un novo modelo de financiamento para Galiza”.

O portavoz do grupo nacionalista explicou que o BNG advoga por un concerto económico que permita que Galiza poida xestionar de xeito integral e con plena capacidade normativa os recursos fiscais xerados no País.

“Para vivir do que produce, Galiza non se pode permitir o luxo de que empresas como Inditex, Citroen ou Unión Fenosa paguen os seus impostos en Madrid, sen repercusión algunha na nosa facenda”.

Soberanía e rexeneración democrática

Jorquera rematou a súa intervención apelando á necesidade dunha profunda rexeneración democrática e ao dereito de Galiza a decidir, asegurando que non poderá haber unha verdadeira democracia se as institucións políticas están sometidas aos mercados e se os pobos non poden ser donos dos seus propios destinos.

Joquera propuxo unha reforma da lei electoral, orientada a que o Parlamento reflicta fidelmente a vontade expresada nas urnas, a pluralidade real que existe na sociedade galega; impulsar os mecanismos de democracia directa a través das consultas populares e as iniciativas lexislativas populares, para garantir a democracia participativa e uns meios públicos de calidade, plurais e respeitosos cos seus fins fundacionais, alén de controlar con transparencia as axudas aos meios privados

Sobre o dereito a decidir, o portavoz do grupo do BNG asegurou que nunca como agora foi tan evidente a necesidade de que o pobo galego teña o control sobre a súa economía nin o feito de que a ausencia de soberanía conduce á ausencia de democracia.

“O Estado das autonomías sofre unha crise irreversíbel e só ten dúas saídas, a ruptura do Estado ou a súa reformulación sobre bases de auténtico respeito á súa realidade plurinacional e neste cenario Galiza pode optar pola irrelevancia política e a sumisión ou ben pola liberdade, a vontade como pobo de sermos protagonistas da nosa historia, opción pola que traballará o BNG”.

Despedimentos Agader

Jorquera aproveitou a súa intervención para ter un recoñecemento aos traballadores dos centros comarcais dependentes de Agader que van ser despedidos pola Xunta o vindeiro día 6, "así asegura Feijóo o futuro do rural", ironizou.

Antes de comezar o debate o grupo parlamentar nacionalista acompañou a parte destes traballadores, que estaban concentrados ás portas do Parlamento.

 

Discurso de Investidura Feijóo 2012

 

http://youtu.be/s1iwCk69v-4

 

http://youtu.be/ddXJLxZNnQM