Contra a dispersión e en defensa dos dereitos humanos das presas e presos galegos
Santiago, 15 de xaneiro de 2015.- A política de dispersión penitenciaria non só supón un castigo engadido ás persoas privadas de liberdade, contrario á finalidade reeducadora e de reinserción antes comentada, senón tamén aos seus familiares e amigos que se ven obrigados a desprazarse centos de quilómetros para poder efectuar unha visita de 40 minutos nos centros penitenciarios, asumindo un enorme custo económico, emocional, de tempo e de saúde. Ademais, as familias e amizades dos presos e presas poñen en perigo a súa vida polo risco acrecentado de accidentes na estrada, pois as viaxes fanse habitualmente de noite e están condicionadas polas xornadas laborais e polos estritos horarios dos centros penitenciarios, moitas veces fixados de maneira arbitraria para dificultar as visitas.
Así mesmo, os presos e presas teñen denunciado as condicións de vidas que padecen na prisión e o tratamento arbitrario do que foron obxecto en máis dunha ocasión e que se manifestou na recepción arbitraria da correspondencia e obxectos, o réxime de illamento e incomunicación, agresións físicas e verbais, humillacións e vexacións ás familias, maltrato psicolóxico, privacións, desatención sanitaria, alimentación deficiente, mínimas posibilidades de formación e lecer e arbitrariedades de todo tipo no réxime de visitas e comunicacións.
Defendendo os dereitos humanos das persoas presas
Debemos lembrar que o Comité Europeo para a prevención da tortura, nun informe destinado ao Estado español, lembra que "consideracións humanitarias, sen mencionar o obxectivo da rehabilitación social, falan a prol de que as persoas presas cumpran as súas sentenzas na rexión [sic] onde teñan lazos sociais e familiares (punto 143 do Informe). Xa que logo, o dereito fundamental á reinserción social que as normas, tanto estatais como internacionais, recoñecen a todas as persoas que cumpren penas en prisión, está directamente vinculado ao cumprimento das penas en ámbitos territoriais onde teñan lazos familiares e sociais, de xeito que dispersión e afastamento que se lles aplica a estas persoas afecta negativamente á efectividade deste dereito básico.
Así, desde unha aposta inequívoca pola utilización de vías democráticas e pacíficas para a consecución de fins políticos, o BNG maniféstase en contra da política de dispersión e esixe o recoñecemento dos dereitos destas persoas, defendendo:
- O seu traslado a un centro penitenciario radicado en Galiza, para que cumpran a súa condena preto da familia e lugar de residencia, para garantir a efectividade do dereito fundamental á reinserción social e evitar o desarraigo social.
- Aplicar criterios obxectivos no seu réxime penitenciario, evitando a aplicación arbitraria e non razoada xuridicamente do réxime pechado ou doutros que impliquen restricións ilegais e inxustificadas.
- Garantir o respecto escrupuloso de todos os dereitos fundamentais destas persoas durante a súa permanencia en prisión.