A dirección da TVG pon a televisión pública ao servizo dos intereses do PP
A portavoz parlamentar do BNG na Comisión de Control da CRTVG, Montse Prado, denunciou a manipulación informativa e o descarado uso partidista que o PP fai da TVG, ignorando os principios fundacionais da televisión p
Prado puxo como exemplos a cobertura informativa da Diada, da manifestación convocada polas Asociación de Vítimas do Terrorismo contra a sentencia de Estrasburgo ou a última sesión do Pleno do Parlamento galego, en concreto o terceiro veto do PP á creación dunha comisión de investigación da traxedia de Angrois ou o anuncio do presidente da Xunta de que estaba a estudar unha rebaixa fiscal no medio rural.
O informativo da TVG convertiu nun feito o que non era máis co anuncio dunha posibilidade, o anuncio de que se estaba a estudar unha baixada de impostos foi convertida en algo definitivo e elevado a primeira nova do telexornal. Son titulares máis propios da páxina web do PP que da televisión pública, recriminou Prado ao director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, na comparecencia parlamentar.
A deputada nacionalista lamentou o desleixo do máximo responsable do ente público á hora de respectar a pluralidade informativa e criticou que de xeito sistemático se minorice a información do país a favor doutros contidos. Igualmente, lamentou a cobertura que os medios públicos están a facer do caso da menor Asunta Basterra, máis enfocado ao morbo e a ganar audiencia, que ao debido respecto pola vida privada, o honor e a infancia, alegou.
Prado recalcou o total apoio do BNG aos medios de comunicación públicos e aos seus traballadores e traballadoras, que fan todo o que poden no contexto que vostedes lle deixan, pero foi moi crítica co servilismo progobernamental da dirección da TVG, concluíu.