O deputado do BNG, Cosme Pombo pide a goberno un plan contra o peche de empresas na Mariña Luguesa
O deputado do BNG, Cosme Pombo lembrou o gran número de empresas pechadas sen que o goberno galego reaccione para manter a actividade na comarca
Na quenda de preguntas ao goberno, o parlamentario do BNG, Cosme Pombo preguntou que medidas ten previstas o Executivo galego para que a Mariña luguesa non sega perdendo actividade empresarial.
O deputado aludiu ao peche da factoría que a empresa de Conservas Antonio Alonso ten en Celeiro (Viveiro), empresa histórica da conserva galega e na actualidade unha referencia na elaboración de túnidos, moluscos e especies peláxicas como a xouba e a agulla. O pasado mes de abril, explicou o nacionalista, a plantilla de 41 traballadores eran informados de que a planta pechaba no prazo de dous meses trasladando a súa produción a fábrica de Bueu, a pesar de ser unha empresa con axudas publicas e colaboración do goberno galego.
O deputado preguntou que actuacións ten realizado ou vai realizar o goberno ante a situación do peche desta empresa a que hai que sumar o anuncio da posible venda de Alcoa.
Pola súa parte, a conselleira do Mar, Rosa Quintana afirmou que a empresa no ano 2015 pechou con perdas e a fabrica de Viveiro precisa dunha reforma que a empresa non pode asumir polo que ofreceu aos traballadores e traballadoras o traslado a fábrica de Bueu. A conselleira asegurou que dende a consellería tentaron acadar o mellor acordo entre a empresa e os representantes dos traballadores e a Xunta segue mantendo reunións con posibles inversores para a planta pero polo momento ninguén mostrou interese.
O parlamentario replicou que dos 41 traballadores, 31 pasarán ao paro e cando os traballadores reclaman que a conserveira se manteña en Celeiro, a Xunta non aplicou ningún plan contra o gran número de fábricas pechadas e centos e centos de traballadores sen emprego ao que hai que sumar a falta de futuro de Alcoa e dos seus 1.000 traballadores e 300 en empresas auxiliares. A Xunta, engadiu, a pesar de tentar manter a actividade da empresa e loitar pola produción en Celeiro, a realidade é que unha empresa máis pecha nesta comarca despois de ter recibido 202.000 euros públicos para modernizar as súas instalacións.