Davila solicita a Tejerina que atenda as demandas de máis cotas para o cerco no Cantábrico Noroeste
Dada a difícil situación pola que atravesa o cerco galego, que dispór ten o Goberno a cambiar o modelo de reparto das cotas de xurelo e anchoa a fin de garantirlles a viabilidade futura ao sector pesqueiro?, inquire a deputada do BNG á Ministra.
Lembra Davila que o pasado 14 de setembro o Goberno decretou a prohibición provisional e precautoria da captura de xurelo no Cantábrico Noroeste para os barcos con xestión conxunta de Acega, unha organización que representa á maior parte do cerco galego, uns 120 barcos.
A deputada do BNG expón á Tejerina a crítica situación do cerco galego que vive atenazado polas estreiteces derivadas de tanto recurte de cotas, e que está a ser vítima dun ensañamento pouco comprensíbel. Igual que sucede con outras frotas galegas, enfatiza.
Hai moitos desequilibrios: o cerco galgo o máis prexudicado
A parlamentar nacionalista salienta que o cerco apenas ten posibilidades de pesca para as súas especies habituais. A irrisoria cota fixada para a anchoa xa a consumiron. O peche da pesquería de xurelo aínda os pón máis contra as cordas após dun verán pouco activo. Nese sentido, lembra que o Goberno pechou a pesquería de xurelo o 2 de xullo, após de se esgotaren as 1.430 toneladas disponíbeis para este ano. Logo reabriuna o 16 de xullo após de ampliar a cota dunha parte do cupo de xurelo para 2016 que o Ministerio aínda non concretou.
Desde o 16 de xullo, o cerco contaba cun tope máximo dunha tonelada por día e barco, así como un límite de catro desembarcos semanais. Máis, nin siquera puido chegar a outubro. Tan só pode pescar xurelo no sul de Galiza, na zona IXa, desde Fisterra até o Golfo de Cádiz, onde só consumiron o 62,24% da cota, 2.715 toneladas das 4.363 totais. A cuestión é que moitos destes barcos non poden desprazarse a augas do Atlántico porque non están equipados para iso.
Denuncia Davila o paradoxo de que o sector teñan que ver situacións asombrosas como que barcos cántabros ou vascos poidan descargar no porto de A Coruña 40.000 kg de xurelo mentras o cerco galego está cheo de limitacións. Considera o Ministerio que se trata dunha situación xusta e equilibrada? Sabe que son moitas as familias que viven desta actividade? É consciente de que moitos destes barcos non poden desprazarse ao Atlántico a pescar debido a que non están adecuadamente equipados?.
A deputada do BNG pide ao Goberno que atenda os plantexamentos do sector do cerco e proceda a realizar unha modificación do modelo de reparto actual.