Davila solicita a comparecencia de Cañete polos negativos acordos da Política de Pesca Común
En relación ao penúltimo paso da UE para aprobar definitivamente a PPC, Davila enfatiza que se perdeu a oportunidade de facer unha Política de Pesca Común dacordo coas necesidades dos distintos sectores pesqueiros e dacordo á sostenibilidade medioambiental.
A deputada do BNG salienta que máis unha vez, a pesca artesanal, a pesca de litoral, segue sen ser regulada conforma ás súas características específicas. Un sector que seguirá discriminado xa que polas súas especificidades tiña que ficar fóra dos TAC´s e das cotas pesqueiras, máis, a UE continúa coa mesma política, totalmente negativa para a pesca artesanal.
Acordos negativos para a pesca galega
No que atinxe aos descartes, Davila critica as malas solucións sobre os descartes que prexudicarán ao sector pesqueiro galego. Así como o empeño en continuar mantendo o principio de estabilidade relativo cun reparto de cotas absolutamente inxusto. A inflexibilidade por cambiar os criterios de reparto é un sinsentido.
Para Olaia Fernández Davila os acordos acadados non resolven os problemas e por riba merman a sostenibilidade da nosa pesca. A UE pecha as portas ao sector pesqueiro galego, enredada nos mesmos erros históricos: o criterio de estabilidade relativa, e a negativa a regular a pesca de litoral según as súas propiedades. Non hai que esquecer que a pesca artesanal produce riqueza económica nas localidades costeiras e fixa poboación.
O modelo da UE, afirma Davila, tropeza unha e mil veces coa mesma pedra. Como é habitual, non soluciona problemas, non garante o futuro dun sector moi importante para Galiza e incluso agudiza os problemas coas súas decisións.