Davila solicita a comparecencia de Ana Mato "polo lío dos medicamentos"
A parlamentar nacionalista quer que a Ministra adopte solucións urxentes para garantir os medicamentos á cidadanía, un nivel óptimo de abastecemento e medidas para rematar cos problemas que está a causar o Real Decreto Lei 16/2012, de 20 de abril, de medidas urxentes para garantir a sostenibilidade do Sistema Nacional de Saúde e mellorar a calidade e seguridade das súas prestacións porque está a provocar unha serie de problemas moi preocupantes que traen de cabeza ao sector farmacéutico.
Ademáis, Davila rexistrou unha iniciativa parlamentar na que alude ás correcións que fixo o Goberno no Real Decreto hai unhas semanas e no que aproveitou para cambiar a prescripción de fármacos de prezo menor polos fármacos de prezo máis baixo e que está levando a problemas de abastecementos de medicamentos.
As correcións do Goberno no Real Decreto non foron semánticas
Davila denuncia que o que a simple vista pode parecer unha modificación semántica sen importanza, non é así á hora de interpretar a receta que chega a máns dos farmacéuticos/as. Cando unha persoa leva unha receta á farmacia por principio activo, o farmacéutico xa non pode elexir entre un conxunto de medicamentos, ten que ofertar o que teña o prezo máis baixo ese mes.
A deputada do BNG explica que os laboratorios realizan as súas propostas de prezos a comezos de mes, e o Ministerio autoriza como prezo máis baixo ao que presenta a oferta máis barata, o que leva a que os demáis medicamentos fiquen fóra do financiamento público.
A deputada do BNG considera que se trata dunha especie de subasta mensual que tolea ao sector farmacéutico, aos laboratorios e aos distribuidores.
Davila pón de manifesto que na Galiza o problema resulta especialmente alarmante, xa que o desabastecemento chegou a medicamentos tan comúns comos os da hipertensión ou do colesterol.
Malestar no sector farmacéutico
A deputada do BNG traslada ao Goberno o malestar dos Colexios Oficiais Farmacéuticos de Ourense, Lugo e A Coruña que expuxeron as súas queixas porque se ven obrigados a dispensar medicamentos xenéricos dos que non teñen referencias, vénse obrigados a cambiar as prescripcións médicas por produtos de empresas que descoñecen.
Laméntanse do desabastecemento de moitos medicamentos, o que os está a levar a dispensar fármacos do laboratorio que estea disponíbel nese momento e que teñen outra presentación, problema que leva a moitas confusións entre os pacientes e a non seguer axeitadamente os tratamentos, sobre todo, entre persoas maiores.
Dubidan asemade dos estudos de bioequivalencia procedentes de empresa que incluso respostan que non disponen do estudo de bioequivalencia en España y que teñen que solicitalo á India.
Davila deixa claro que o BNG en ningún momento compartiu o Real Decreto que se coñece como medicamentazo. Unha norma que está a complicar moito todo e por riba estabelece o copago. O afán recadatorio do Goberno está provocando problemas totalmente incomprensíbeis. Son medidas feitas sobre o papel pero que non teñen con conta as súas consecuencias.
Sen esquecer que a aplicación do copago é a responsábel da importante suba da inflación neste mes de xullo.
Davila pide á Ministra a suspensión temporal do Real Decreto, especialmente a anulación do copago, e que remate cos problemas que está a causar.