Davila reprocha a Cañete que non faga públicos aos grandes beneficiarios dos fondos europeos
O debate entre a deputada do BNG e o titular de Agricultura foi moi profuso en información. Na resposta de Cañete a Davila seguiu defendendo a súa posición perante a UE por ter logrado avanzos en relación ao documento inicial e amosou unha moderada satisfacción.
Máis o debate se centrou na percepción das axudas dos fondos europeos pola crítica de Davila ao feito de que a UE non cambiou unha das principais inxustizas: Non podemos obviar que co reparto que fan persisten as inxustizas. Pouco máis do 20% das explotacións agro gandeiras da UE acapararán o 80% das subvencións directas da PAC. Criticou que se manteña un reparto desigual que prexudica ao noso sector, sobre todo o galego que se caracteriza por pequenas e medianas explotacións familiares. Davila afirmou que os grandes latifundios, os grandes rentistas e as grandes multinacionais seguen a ser os maiores beneficiarios dos fondos do primeiro pilar. Reprochou que se otorguen as axudas en función das hectáreas, en lugar de ligar os fondos á actividade agraria.
Neste sentido, Arias Cañete usou dados pero parciais ao replicar a Davila que vosté usa un dos tópicos da UE. Afirmou que 909.230 beneficiarios de fondos no estado español, o 47% reciben axudas entre 100 e 1.000 euros, e está claro que non son gandeiros, utilizan a agricultura como algo complementar. Máis, puntualizou, o 75% do censo percibe axudas entre 5.000 e 50.000, e a media das explotacións galegas, por debaixo de 28 vacas, reciben uns 8.500 ao ano. Así que, concluiu , a media galega está nesta banda.
Neste punto, a deputada do BNG retrucoulle dicindo que precisamente os seus dados nos veñen a dar a razón. Tampouco pense que os da banda que sinala poden vivir do agro así nestas condicións. Ademáis, reprochoulle a falla de transparencia porque se negan a publicar as axudas de maiores contías. Sabe que os latifundios del Estado español reciben fondos desmesurados e sabe que iso a UE non o cambia. Neste sentido, reclamou maior transparencia e que se publique quen percibe as axudas.
O BNG explica punto por punto as eivas para os gandeiros galegos
Davila amosoulle o desacordo do BNG en relación á satisfacción exhibida polo Ministro de Agricultura a raiz dos acordos acadados no Consello de Ministros da UE sobre a reforma da PAC. Non compartimos a súa visión nen as súas análises porque en resumo son uns maos acordos, con efectos negativos para o sector agrario europeo, o sector do Estado Español, e moi perniciosos para Galiza, enfatizou a deputada do BNG.
Reprochoulle a Cañete que diga que España conseguiu os obxectivos que se estabelecera e evitáronse os asuntos perxudiciais que a reforma comportaba para España.
Para a deputada do BNG só houbo unha lixeira melloría respeito ás intencións iniciais da UE, pero non significa que teñamos que recibilo cos brazos abertos como se fose o mellor que nos podía pasar. O inmovilismo, que as cousas queden máis ou menos igual, non debe restarnos capacidade de crítica se a situación continúa profundizando na inxustiza e na discriminación que padece o noso sector agrario.
Tamén subliñou outro factor que dana ao sector agrario como é o deterioro continuo dos prezos. Sinalou que a liberalización dos mercados agrarios está a provocar unha crecente volatilidade dos prezos, coa conseguinte inestabilidade das rendas dos productores. Un problema que afecta sobre todo ao sector agrario galego polas súas especificidades, e máis aínda ao sector lácteo.
A PAC segue a ser desigual e inxusta
A parlamentar nacionalista subliñou que a axuda media por explotación se sitúa na Galiza moi por debaixo da media española ou comunitaria. Polo tanto, estes acordos que tantas loubanzas lle despertaron, en que van cambiar a realidade que acabamos de lle descreber?.
Salientou que o BNG sempre foi moi crítico coas axudas de até 300.000 euros por explotación porque as axudas para as explotacións familiares son ridículas ou inexistentes. Neste proceso de reforma da PAC, seguimos a defender un reparto máis equitativo, equilibrado e xusto. Así puxo enriba da mesa a proposta dun límite máximo de 100.000 euros que pemitiría contemplar un mínimo de 20.000 para as pequenas e medianas explotacións, garantizando desa manera unhas rentas dignas e evitando á vez o abandono e a despoboación do medio rural.
En relación aos fondos do segundo pilar, Dávila tamén criticou que se incrementen os fondos para políticas de desenvolvemento rural a costa de reducir os destinados ao desenvolvemento agrícola e gandeiro.
Olaia Fernández Dávila advertiu ao Ministro que os fondos, se mire como se mire, sufriron unha seria reducción. E se quer convencernos do contrario, terá que ser convincente con argumentos veraces pero non con demagoxia.
Outras das cuestións reseñadas polo BNG foi a nosa discrepancia co criterio de centralización que se impón nos fondos FEADER. Desde sempre o BNG defendeu que deben ser as CC.AA. as que realicen os programas de desenvolvemento rural. Puxo de manifesto que ninguén mellor que os galegos para saber cais son as necesidades dos Programas de Desenvolvemento Rural.
Lembrou que a Eurocámara puxo data de finiquito ao sistema de cotas: 31 de marzo de 2015, e sen acordar nengunha medida destinada a paliar os graves perxuizos que esta decisión vai provocar nos gandeiros, a maioría endebedados para mercar cota.
Necesidade de regular o mercado agrario
Falou dos problemas nos prezos lácteos, que máis afecta a Galiza.
Defendeu Davila regularización do mercado agrario porque sen regularizar o mercado non é posíbel resolver os problemas dos prezos, e non me diga que os mercados se regulan sós porque despois a crise dese mercado libre a a estamos apagar todos, como é o caso do sector financeiro. Por iso tamén pedimos participación pública para regular o mercado lácteo.
Reprochou que a PAC non dea solucións ao problema dos prezos no sector lácteo que na Galiza vive inmerso nunha dramática batalla pola súa superviviencia. Igual que o sector cárnico.
Foi moi crítica coa falla de transparencia sobre as axudas que se conceden ás explotacións: o sector e a cidadanía ten dereito a saber quen recibe as axudas e en que contía. Por que non? Será porque podemos ver como as pequenas explotacións perciben cativas axudas mentras os grandes latifundistas cobran a axuda máxima de 300.000 euros?.