Davila reclama ao Goberno a anulación de todas as multas a preferentistas após de gañar xuizos
Davila reprocha ao Ministerio de Interior que non anulase as multas cando os afectados, e mesmo o BNG en diversas iniciativas parlamentares, así o solicitou por tratarse dunha inxustiza manifesta. Ante a indiferenza do Goberno, os afectados polo engano das participacións preferentes e subordinadas tiveron que acudir aos tribunais polas abusivas multas impostas por Interior. Máis, dos 43 xuizos celebrados en Galiza, 41 contan con sentenzas favorábeis aos afectados. Só se perdeu unha e outra está pendente de resolución.
Para Davila as sentenzas son incontestábeis. Por iso a Plataforma de Afectados anunciou que vai solicitar á Fiscalía unha investigación das sancións impostas pola Administración. Vai o Goberno a apoiar aos afectados e solicitar da Fiscalía unha investigación ao respeito?, inquire a deputada do BNG.
As sancións sempre foron inxustas e así se demostrou
A parlamentar nacionalista subliña que con dados obxectivos na mán, as cifras de xuizos gañados, está claro que son merecedores dunha reparación polo dano moral causado ao tratalos como se fosen criminais cando estaban no lexítimo exercicio de protesta por ter sido vítimas dunha estafa escandalosa.
Davila salienta que o BNG sempre considerou inxustas as multas impostas aos preferentistas. Na súa maioría persoas pensionistas que confiaron os seus aforros a entidades bancarias para destinalos a subprodutos financeiros cuxo risco descoñecían por completo. A súa loita, a súa incansábel batalla por facer xustiza, e recuperar o carto perdido é sen lugar a dúbidas un exemplo que debemos destacar. Sen as súas manifestacións, sen as súas denuncias e sen as súas movilizacións, non se tería feito xustiza.