Davila pide a Tejerina que non faga exclusións no cerco para as axudas pola veda da sardiña
Olaia Fernández Davila alude á proposta de orde da Secretaría Xeral de Pesca para regular a parada temporal da frota de cerco afectada pola prohibición de pescar sardiña nos caladoiros ibéricos, zonas VIIIc e zona IXa. Unha proposta que exclúa a case o 30% da frota de cerco das axudas.
Explica a deputada do BNG que a prohibición de pescar sardiña acordada entre o Goberno español e o seu homólogo portugués está a ter unha serie de negativas consecuencias para a frota pesqueira galega: por un lado hai que remarcar as consecuencias negativas para os mariñeiros que utilizan as artes tradiciones de xeito, e por outro, a inxusta discriminación que se estabelece dentro da frota de cerco á hora de conceder as axudas por parada temporal.
As axudas deben ser para todo o cerco
O Ministerio decidiu facer unha proposta de parada voluntaria subvencionada de 20 45 días ininterrumpidos entre o 1 de outubro e o 30 de novembro, pero só para aqueles barcos onde a sardiña supuxo polo menos o 25% de todas as especies comercializadas, e o 25% do valor, partindo como referencia o periodo 2007-2014. En conclusión, sinala Davila, o Ministerio que preside Tejerina, está a deixar fóra a aproximadamente o 30% da frota de cerco galega, a que máis peso ten no conxunto do estado polo seu número de barcos.
A deputada do BNG asegura non entender este tipo de divisións cando toda a frota de cerco está afectada pola prohibición de capturar sardiña.
Outra cuestión que está enriba da mesa e que con toda probabilidade formará parte das alegacións a presentar polos mariñeiros, é o referente ás cantidades económicas marcadas para axudas a tripulantes. Estabelécese unha compensación económica de 41,35 euros por día de parada que se considera insuficiente, sobre todo se se desconta o que teñen que pagar á Seguridade Social. Nos casos nos que se deba afrontar ese pago, estaríamos ante unha percepción insuficiente.
Esta é a razón pola que Davila dirixe unha batería de preguntas a Tejerina: Que disposición ten o Ministerio a modificar a súa proposta de orde e incluir ao 30% de cerqueiros que fican fóra da proposta do Ministerio? A qué se debe esta exclusión? Vai escoitar as demandas da frota de cerco? Que disposición ten a revisar as cantidades económicas fixadas como axudas a tripulantes dado que nos casos nos que haxa que pagar a Seguridade Social son claramente insuficientes?.