Davila pide a Montoro unha revisíón da taxa por regularización catastral polas especificidades de GZ
Casos como cando afecten a alteracións de entidade menor nos inmóbeis, ou cando o mesmo suxeito pasivo sexa obxecto de diversos expedientes de regularización catastral, de xeito que ingrese dunha soa vez a taxa por todos os procesos.
Explica a deputada do BNG que a Direción Xeral do Catastro activou un amplo proceso de regularización catastral, cuxa finalidade é acomodar a inscripción dos inmóbeis á súa situación física real, o que terá repercusión na súa tributación posterior no IBI, cuxa xestión e recadación corresponde aos concellos.
Sinala Davila que no caso de que existan bens e alteracións construtivas feitas sen declarar ao Catastro, o Procedemento de Regulación Catastral 2013-2016, estabelece un proceso de regularización co pago dunha taxa de 60 euros.
Aproveita a actualización do Catastro para incrementar a recadación de determinados tributos
Critica a deputada do BNG que o Goberno utilice a pretensión de actualizar o Catastro para incrementar tamén a recadación de determinados tributos, e para elo non dubidou en empregar como denominación do proceso a expresión amnistía catastral, argumentando que co pagamento desa taxa de forma voluntaria, evítase a aplicación rigorosa da normativa catastral e evítanse multas elevadas aos titulares.
Denuncia Davila que ademáis das repercusións tributarias futuras, o feito de aplicar unha taxa lineal por cada inmóbel obxecto de procedemento, implica unha desigualdade respeito de regularizacións de maior entidade ou envergadura con outras menores. Situación, subliña, que se agrava no caso de fraccionamento da propiedade, algo característico de Galiza, onde as declaracións de regularización se multiplican ao afectar a moitas parcelas de escasa dimensión, que aínda sumadas todas elas, apenas implican cambios relevantes dos bens inmóbeis inscritos no Catastro por unha mesma persoa.
A parlamentar nacionalista reprocha a Facenda que incremente de xeito inxusto a recadación da taxa de regularización catastral, posto que en territorios como o galego a multiplicidade de procedementos pola división da propiedade orixinará unha recadación superior ao custe que para a Administración catastral ten a xestión destes procesos.
En definitiva, aclara a deputada do BNG, xeraráse un ingreso superior pola recadación da taxa de regularización catastral ao custe efectivo da xestión administrativa do proceso.