Davila pide a Fomento a revisión do proxecto de ampliación de Rande
Nese sentido pregunta ao Ministerio se considera xustificada a ampliación da Ponte de Rande dada a limitada eficacia que vai ter no problema dos desprazamentos rodados entre norte e sur e viceversa na franxa litoral de Pontevedra, e dados os graves perxuizos sociais, ambientais e culturais que provocarán estas obras.
Explica Davila que o BNG presentou no seu momento unha serie de alegacións ao proxecto aprobado para que se priorizase a solución á conxestión de tráfico nesta zona á rede viaria privada, fronte a outros proxectos públicos xa en marcha como a A-57 e a A-59.
Un proxecto con moitas deficiencias
Criticaba o BNG que esta ampliación se plantexaba como unha solución provisional xa que non resolve o problema real dos desprazamentos, que vai ter un impacto severo sobre os núcleos de poboacións da zona afectada, que agravará a situación de colapso existente nas saídas en dirección Vigo debido ao incremento de tráfico na Ponte de Rande.
A deputada do BNG pón de manifesto que o Ministerio non tivo en conta estas alegacións e está decidido a levar a cabo as obras sen respostar ás grandes dúbidas que se plantexan. Davila afirma que o Goberno fai ouvidos xordos ás reclamacións vecinais.
Outra das cuestións que a parlamentar do BNG pón sobre a mesa é que non se pode entender o empeño do Ministerio de prolongar a ampliación máis alá do punto quilométrico 150, xusto ao punto quilométrico 151 a partir do cal comezan as diferentes saídas ás zonas máis poboadas da cidade de Vigo.
Afirma que nese tramo dun quilómetro, a ampliación de carrís xerará graves problemas de inseguridade vial, de impacto acústico e ambiental debido a que esta infraestructura lindará, sen unha mínima mediana de seguridade, con edificios como un centro de saúde, un colexio, a igrexa, ademáis de moitas vivendas.