Davila pide ao Goberno melloras na proteción laboral e social de enferm@s de cancro
A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou na Cámara unha proposición de lei e unha proposición non de lei que insta ao Goberno a mellorar a proteción laboral e de seguridade social das persoas enfermas de cancro.
En concreto, a deputada do BNG propón a modificación da Lei Xeral de Seguridade Social para que se considere en situación de incapacidade permanente a toda persoa diagnosticada dun carcinoma unha vez que teña esgotado o prazo máximo de duración da incapacidade temporal.
Davila demanda que se manteña esta calificación até que se produza unha curación presumibelmente defintiva, entendéndose por tal o paso a unha situación na que as revisións médicas derivadas da doenza se prolonguen cando menos en espazos de tempo de seis meses.
Loxicamente, a deputada do BNG pide que a calificación de incapacidade permanente nestes casos implique o dereito do beneficiario á reserva do posto de traballo.
Persoas que padecen unha grande inseguridade laboral
Davila pón de manifesto que o proceso para declarar unha incapacidade permanente é farragoso, longo e ademáis a listaxe de doenzas precisa dunha revisión. Explica a deputada do BNG que a calificación de incapacidade permanente é un tema diferido a criterios valorativos da Equipa de Valoración de Incapacidades, que fai o dictame previo á calificación da Direción Provincial do INSS. Así como coas conseguinte competencias xurisdicionais dos xulgados do social, guiados tamén por criterios valorativos.
Esta proceso provoca unha grande incertidume nas persoas solicitantes, sinala. A deputada do BNG pón de manifesto que este proceso resulta moi desfavorábel para enfermos de cancro porque aparte das inseguridades derivadas da súa situación clínica, e a posición vulnerábel que sofren ante o mercado de traballo, únese unha forte inseguranza ante a espera da calificación da súa capacidade laboral por parte da Seguridade Social.
Davila subliña que as persoas enfermas de cancro, cuxas doenzas hai que tratalas a medio ou longo prazo, teñen grandes dificuldades para manter o seu vínculo co mercado de traballo. E incluso maior desproteción sofren as persoas en situación de desemprego cando se lles diagnostica o cancro. Neses casos cando non hai situación asimilada á alta a efectos da prestación por incapacidade temporal, vense abocados no mellor dos casos ao desemprego asistencial e a unha perspectiva de inseguranza vital mentras padecen a enfermidade.