Davila demanda ao Goberno medidas urxentes ante o alarmante aumento do paro femenino
Davila subliña que o aumento do paro en setembro afecta en exclusiva ás mulleres. Segundo as estatísticas de Emprego, o paro femenino sube con respeito a agosto en 26.862 persoas, un 1,11%, mentras que o paro masculino baixa en 1.290.
A deputada do BNG denuncia que as cifras do paro de setembro evidencian que o drama social do paro golpea máis forte ao eslabón máis débil da cadea, neste caso as mulleres. A desigualdade de xénero avanza coa crise que pasa unha doble factura ás mulleres que sofren un empobrecemento maior que os homes.
O PP está a aumentar a desigualdade de xénero
A parlamentar nacionalista sinala que o BNG xa advertiu á Ministra Ana Mato nas súas comparecencias no Congreso que os recortes en políticas de igualdade, e en concreto a reforma laboral, despexarían o camiño para incrementar as desigualdades de xénero, suporía un avanzo da discriminación laboral que as mulleres xa padecen de xeito estructural.
Davila afirma que os dados de paro de setembro son unha evidencia de ambos factores, dúas vítimas dos tremendos recortes do Goberno do PP: as políticas de igualdade, e o recorte de dereitos laborais. Así que a consecuencia está servida: máis desigualdade paras as mulleres, piores consecuencias laborais para as féminas. A deputada do BNG lembra que a Lei de Igualdade, aprobada na anterior lexislatura, que contou coa aportación e a cooperación de todos os grupos parlamentares, ficou reducida á nada coas actuais políticas de recortes.
Reprocha ao PP ter feito o camiño á inversa, aseverando e agravando os problemas de discriminación laboral que as mulleres padecen historicamente: menores salarios, máis dificuldades para atopar un traballo, piores condicións laborais e importantes dificuldades para conciliar a vida laboral e familiar.