Davila critica a "lei de Desindexación" porque traerá máis rebaixas salariais
Despois de escoitar a presentación do Ministro de Economía, Davila subiu á tribuna para realizar unha crítica dunha lei e dunha estratexia gubernamental centrada nos custes salariais. A devaluación interna que xa estamos a padecer está provocando recurtes salariais e conxelacións de pensións, o que está levando a un forte incremento das desigualdades, asentando un modelo social cada vez máis inxusto.
Perderáse poder adquisitivo
Censurou os argumentos do Goberno para aprobar esta lei: a realidade dos feitos demostra a falacia sobre a que se constrúe este proxecto de lei. Non hai inflación máis elevada, pero sí existe un proceso de devaluación interna tutelado pola UE e o FMI que conta coa total sumisión do Goberno.
Advertiu Davila que a desindexación xerará fortes distorsións na evolución dos valores monetarios ligados ao sector público e provocará perdas de poder adquisitivo entre os traballadores públicos. A deputada do BNG amosou o seu desacordo co idea de desligar a evolución salarial do IPC. Será un novo paso para favorecer a devaluación interna, unha devaluación que non afecta da mesma maneira aos diferentes estratos sociais nin aos diferentes tipos de renda.
Lembrou a deputada do BNG que son as rendas de traballo as que nestes momentos xa están a sofrer un forte axuste, perdendo poder adquisitivo, algo que non sucede cos beneficios empresariais.