Davila congratúlase de que "por fin Montoro atenda a demanda do BNG de baixar IVE ás flores"
O Pleno da Cámara debate as emendas introducidas no Senado aos tres proxectos de reforma fiscal. É preciso lembrar que o BNG presentou emendas a estas leis solicitando a reducción do IVE no eido da floricultura, e fixo a mesma petición nos Orzamentos Xerais do Estado para 2015. O PP rexeitou as propostas do BNG na súa tramitación no Congreso, pero após de trasladarlle Davila a súa contrariedade no pleno da semana pasada a Montoro sobre esta cuestión, é cando finalmente o PP decide cambiar de posición no Senado, aprobando a baixada do IVE nas flores.
Importante para o Baixo Miño
Esta é a explicación de que por fin o grupo popular e o Goberno accedesen a atender unha demanda que a deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, leva facendo desde hai meses. A pesar do rocambolesco da situación, Davila congratúlase de que por fin o Ministro de Facenda fixese caso ao sector da floricultura e plantas ornamentais.
Para o BNG iso é o importante, conseguir o obxectivo.
O BNG deu a batalla con este tema porque era importante para o puxante sector da floricultura do Baixo Miño, escoitamos os problemas económicos polos que está atravesando desde que vostedes lles subiron o IVE ao 21% e a perda de competitividade que están experimentando. O Señor Montoro sabe perfeitamente que fomos insistentes con esta cuestión, e recalcou Davila que o importante é que teñan o IVE do 10% e non o abusivo do 21%, sinalou.
Tamén hai que baixar o IVE na cultura, nas perruquerías e no material escolar
A deputada do BNG conminou a Montoro a plantexarse a necesidade de reducir o IVE noutros importantes sectores como o das perruquerías, na cultura, no material escolar porque suporía un balón de oxíxeno para as economías de importantes sectores. Neste sentido, é preciso subliñar que o BNG tamén propuxo en varias ocasións no Congreso através de iniciativas parlamentares a diminución do IVE nestes ámbitos.
Noutra liña de cousas, Davila criticou que o Goberno desaproveitase a ocasión para levar a cabo unha reforma fiscal a fondo e optase por facer meros retoques que nin siquera van mellorar a equidade do sistema fiscal. Ao revés, reducen a progresividade nas táboas do IRPF. Tamén reprochou ao Ministro Montoro non ter atendido propostas como as do BNG de introducir un imposto para as grandes fortunas, que non remate cos abusos das SICAV ou que se negue a introducir un imposto para as transaccións financeiras. Igualmente, Davila recriminou ao Goberno que non tome en serio a loita contra a fraude e a evasión fiscal, unha das grandes lagoas e que permitiría incrementar a recadación fiscal.