Davila e Beatriz Figueroa trasladan a Soledad Becerril a problemática laboral de doentes de cancro
Na xunta, Beatriz Figueroa explicou á Defensora do Pobo os problemas laborais polos que atravesan as persoas que sofren este tipo de graves doenzas que requiren longos tratamentos e longos periodos de baixa laboral. Así, deron conta da situación de moitos afectados que estando en activo se lles detecta un cancro que precisa dun tempo longo de tratamento, e de moitos afectados en situación de desemprego que pasan polo mesmo trance. Situacións que motivan moitos despedimentos e que deixen de conservar os seus postos de traballo, así como que esgoten as prestacións de paro.
A necesidade de sensibilizar sobre un problema grave
Ademáis do calvario da enfermidade, ven como se lles esgota a prestación por desemprego até que quedan sin cobertura de ningunha caste. A deputada do BNG e Beatriz Figueroa expuxéronlle a necesidade de reformar a Lei de Seguridade Social, e facilitar ás persoas que sofren carcinomas a incapacidade permanente mentras duren os tratamentos ou non se considere que superaron a doenza. Actualmente, vense obrigados a acudir á xustiza para poder obter unha incapacidade permanente, procesos esgotadores que se suman ao difícil proceso da enfermidade.
Un tema que o BNG xa levou a debate do Pleno do Congreso en outubro pasado pero que non recibiu o respaldo do partido no Goberno.
Soledad Becerril mostrouse receptiva e aberta a trasladar recomendacións neste sentido que sirvan para paliar as consecuencias laborais, sociais e económicas que padecen miles de persoas afectadas por este tipo de doenzas que requiren de longos periodos de tratamento médicos.